InicioSociedadeTraballadores de Povisa dan por "inminente" a venda do hospital e esixen...

Traballadores de Povisa dan por “inminente” a venda do hospital e esixen garantía de emprego “máis aló de 2022”

Algunhas fontes apuntan a que a venda se pechará a principios de outubro. Galicia en Común reclama que se "rescate" o centro "para a sanidade pública".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os traballadores de Povisa esixiron “garantías” de que se manterán os empregos e as condicións laborais, tras constatar, despois de manter unha reunión coa dirección da empresa, que a venda do hospital ao grupo Ribeira Saúde “é inminente”.

Así o trasladou a portavoz do comité de empresa, Chus Neira (CIG), quen explicou que os propios donos do hospital admitiron que as negociacións con Ribera Salud para a venda do centro están avanzadas, que algunhas fontes apuntan mesmo a que se pechará a operación a principios de outubro, e que dita venda só estaría pendente “do visto e prace de Competencia”.

Neira indicou que os aínda propietarios de Povisa (que pertence ao grupo Nosa Terra XXI) quixeron trasladar unha mensaxe de “tranquilidade” ao persoal, asegurándolles que Ribera Salud “respectará os postos de traballo e as condicións”. “Pero non aclaran en que termos, nin que pasa cos traballadores novos”, apostilou a representante sindical.

A ese respecto, subliñou que o actual concerto que o Sergas ten asinado con Povisa finaliza en 2022, e preguntou “e despois que” pasará co persoal? Porque “ninguén garante” que se manteñan as súas condicións “máis aló de 2022”.

Por todo iso, os empregados do hospital (que se reunirán en asemblea ás 14,00 horas e 15,15 horas deste martes) pediron reunións co Sergas, e cos grupos parlamentarios.

REUNIÓN DAS EMPRESAS CO CONSELLEIRO

Por outra banda, a Xunta informou dunha reunión celebrada este luns en Santiago e convocada de forma urxente pola administración, na que estivo presente o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e na que os representantes de Povisa e de Ribera Salud confirmaron que as negociacións para a venda do hospital vigués están “moi avanzadas”.

Sanidade trasladou ás partes a súa petición de que, no caso de que finalmente se faga efectivo o cambio de propietario de Povisa, se garanta a calidade asistencial e o mantemento dos empregos, tal e como se recolle nos acordos asinados no seu día entre o Sergas e o hospital.

Povisa, o maior hospital privado de Galicia, atende (en virtude dese concerto asinado co Sergas) unha poboación dunhas 135.000 persoas do sur da provincia de Pontevedra. Hai un ano presentou solicitude de preconcurso de acredores tras constatar unha débeda de 7 millóns de euros, pero a situación salvouse tras renegociar con Sanidade algúns dos termos dese acordo (o Sergas aceptou asumir certos gastos farmacéuticos a cambio de pagar menos diñeiro por paciente atendido en Povisa).

CRÍTICAS DE GALICIA EN COMÚN

Pola súa banda, a deputada de Galicia en Común Yolanda Díaz criticou este luns que o Goberno de Feijóo permita a venda dun hospital privado ao que a Xunta estivo dedicando diñeiro público durante anos.

A ese respecto, demandou o “rescate para a sanidade pública” deste centro sanitario, que “custa 75 millóns de euros aos galegos”, e impedir que pase a formar parte dun grupo empresarial propiedade dunha grande aseguradora “implicada en casos de corrupción”, “seguindo o modelo valenciano de Alcira”.

Na mesma liña, o grupo municipal Marea de Vigo anunciou que pedirá “unha auditoría completa” de todos os recursos públicos que se destinaron a Povisa, e que puideron servir para “aumentar o prezo de venda accionarial”.

ÚLTIMAS

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...

A Garda Civil recolle pistas sobre o atropelo mortal na AP-9 en Teis

A Garda Civil continúa investigando o atropelo mortal a un home de 33 anos ocorrido na...

OPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

Cando falamos de vivenda habitual, estamos facendo referencia a un dereito fundamental recollido na...

Investigan a unha menor que realizaba prácticas nun turismo coa súa nai e o seu irmán no Porriño (Pontevedra)

A Garda Civil investiga a unha menor que foi identificada o sábado 21 de decembro ao...