InicioVigo e contornaRedondelaO acusado de asasinar un mozo en San Xoán en Chapela di...

O acusado de asasinar un mozo en San Xoán en Chapela di que non lembra o disparo e que estaba borracho

Testemuñas corroboran que viron como disparaba á vítima e a outro mozo que saíu ileso "de milagre"

PUBLICADO O

- Advertisement -

O home acusado de asasinar un mozo na praia de Arealonga, en Chapela, Redondela (Pontevedra), na noite de San Xoán de 2017, afirmou este luns ante a Audiencia de Pontevedra, que non lembra disparar, e a súa defensa alegou que estaba baixo a influencia do alcol e que padecía síndrome de abstinencia pola súa dependencia da droga.

José Luís L.P. senta esta semana no banco dos acusados da sección quinta da Audiencia Provincial (con sede en Vigo), e enfróntase a penas que suman 42 anos de cárcere, como presunto autor dun delito de asasinato, unha tentativa de asasinato, unha tentativa de homicidio e un delito de tenencia ilícita de armas. O home será xulgado por un tribunal con xurado.

Durante a súa declaración na vista oral, o acusado afirmou que, na noite dos feitos, estivera bebendo alcol, e asegurou que non lembra o momento no que disparou a Daniel B.P., despois de que este lle recriminase por ouriñar na praia, por enriba de xente. “Teño vagos recordos desa noite; o primeiro recordo que teño é estar xa detido en comisaría, e cando me dixeron por que fora, volvinme tolo”, declarou.

Segundo explicou, estivera consumindo bebidas alcohólicas nas horas previas ao crime, e tamén estaba a tomar medicamentos por problemas psiquiátricos. Así mesmo, asegurou, a preguntas da súa letrada, que é drogodependente “desde os 12 anos”.

No xuízo declarou tamén unha testemuña, que estivo co acusado durante esas horas previas, e confirmou que “non se lle vía moi ben”, debido ao alcol consumido. Así mesmo, recoñeceu que, nun dos locais, puido ver a culata dun revólver na bandoleira de José Luís, aínda que o acusado “quitoulle ferro” e creu que era unha arma “de broma”.

Este comparecente, que afirmou non presenciar o asasinato, tamén confirmou que, cando se ía marchar para a súa casa, o acusado ía xunto a el pero, nada máis chegar a un canellón “botouse a correr”. “Aí foi cando me din conta de que pasara algo”, indicou.

TESTEMUÑAS

Na xornada deste luns, tamén prestaron declaración varias testemuñas dos feitos. Entre elas, un amigo da vítima que confirmou que Daniel se dirixiu ao acusado para advertirlle de que non ouriñase na praia, porque “había unhas mozas durmindo” no areal.

Nese momento, relatou, viu como a vítima facía un xesto “como de querer apartar algo” e, inmediatamente, escoitou un ruído e viu a Daniel dar dous pasos ao carón e “esborrallarse”. “Achegueime e levanteille a camiseta, e xa vin un buraco. O acusado achegóuseme a un ombreiro e díxome ‘non é para tanto’. Esa frase nunca a esquecerei”, manifestou.

Por outra banda, declarou un mozo, a quen o acusado tamén disparou (aínda que sen acertar a darlle) e dous dos seus amigos. Esta testemuña confirmou que se enfrontou ao acusado ao ver caer a vítima, aínda sen saber exactamente que fora por un disparo, e empurrouno. “Cando vin que sacaba un revólver da súa bandoleira, botei a correr. Escoitei que disparaba, pero non me din a volta”, sinalou.

Os dous amigos que acompañaban a esta testemuña, coincidiron en apuntar que o acusado disparou con intención de alcanzarlle e que, se non o fixo, foi “de milagre”.

PETICIÓN DE PENAS

O ministerio público sostén que, ademais do asasinato de Daniel, o acusado é autor do intento de asasinato desa testemuña que se lle encarou, e do intento de homicidio dos axentes que o detiveron. Así mesmo, atribúelle un delito de tenencia ilícita de armas, e pide que se lle aplique a circunstancia agravante de reincidencia (o acusado ten antecedentes pola tenencia ilícita de armas e por outros delitos).

Por estes feitos, pide para el penas que suman 42 anos de cárcere, así como a prohibición de achegarse á familia de Daniel B.P., e a prohibición de achegarse á testemuña á que disparou. Tamén reclama a indemnización que corresponda aos achegados da vítima.

Mentres, a acusación particular, que exerce a familia do novo falecido, pediu 28 anos de cárcere para o acusado, xa que se acusa só polos delitos de asasinato e tenencia ilícita de armas. O avogado da familia, quen contrapuxo a vida de Daniel, “dedicada ao traballo”, coa vida do acusado, “dedicada ao delito”, tamén reclamou indemnizacións que suman 326.000 euros, e que se lle prohiba achegarse a eles durante 30 anos.

DEFENSA

A defensa de José Luís L.P. reclamou a libre absolución, e solicitou que, en caso de ser declarado culpable, se lle aplique a eximente de alteración psíquica ou de intoxicación plena por consumo de alcol ou, en todo caso, que se contemplen estas circunstancias como atenuantes.

Así mesmo, esta parte sostén que houbo unha discusión previa do acusado e a vítima, e que, no momento dos feitos, José Luís estaba exento de responsabilidade criminal porque “tiña anuladas as súas capacidades cognitivas e volitivas”, xa que padece un “trastorno disociado de personalidade” e estaba borracho.

Segundo mantivo a letrada da defensa, no caso dos disparos realizados nun segundo momento (supostamente, contra unha testemuña), o acusado “non apuntou a ninguén”. Do mesmo xeito, defendeu que tampouco opuxo resistencia ao ser detido.

ÚLTIMAS

Stellantis reduce a súa proposta de ERE para un máximo de 80 traballadores e o ERTE baixa de 85 a 75 días en 2025

A dirección de Stellantis Vigo fixo este venres unha nova proposta a sindicatos para os expedientes...

Caballero arremete contra Néstor Rego (BNG) por oporse á nova A-52: “Veñen a Vigo a mentir”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra o BNG e contra o deputado Néstor...

As borrascas destapan novamente o ‘bosque fósil’ da praia de Patos

A Praia de Patos (antes Praia D'Abra), en Nigrán, é famosa polo seu ambiente...

66 afectados con 25 días de indemnización por ano traballado, así é o acordo de ERE na Levantina

A filial de Levantina no Porriño, Levgranite, comunicou este xoves que alcanzou un acordo...