María Araúxo naceu en Carril en outubro de 1904. Por aqueles anos aquela vila mariñeira era un dos portos máis importantes de saída de emigrantes. O pai de María era pescador mentres a súa nai axudaba a manter a familia marisqueando nas ricas praias de Vilagarcía.
Sendo nena os seus pais lévana a Cuba onde se instalan como emigrantes. A familia Arauxo instálase no barrio de Casablanca, na banda de enfrente da cidade da Habana. Aquel municipio era o lugar elixido polos pescadores galegos para fixar a súa residencia.
Cando María tiña 16 anos casou con Anxo Carcaño, oriundo de Murgados. Carcaño, como tantos outros emigrantes seguiu a tradición mariñeira. Ós poucos anos naceron os seus primeiros fillos, Sebastián e Antonia.
Anxo comeza a participar no movimento sindical cubano, na defensa dos dereitos dos pescadores. Na década dos vinte as ideas do comunismo calaran no movimento obreiro cubano, e entre os pescadores as ideas marxistas comezaban a ter arraigo.
Anxo vincúlase ó recentemente fundado Partido Comunista de Cuba. Tanto Anxo como María tiñan un estreito vencello político co líder comunista Julio Antonio Mella. María comeza a comprometerse coa loita de clases a través do traballo sindical do seu compañeiro, e pouco a pouco vaise incorporando a unha militancia máis comprometida. Por aqueles anos, Cuba estaba gobernada pola ditadura de Machado, que desata unha feroz represión contra os comunistas e dirixentes sindicais. Esta situación é determinante para que María decida retornar a Galicia mentres Anxo proseguía coa súa militancia política.
É no 1927 cando María retorna a Galicia cos seus fillos. Cando, no 1932, o seu marido se reúne con eles, a familia decide radicarse en Vigo. María comeza a traballar nunha empresa de conservas da que, ó pouco tempo, é nomeada encargada, mentres que Anxo embarca nun buque de pesca.
Durante os primeiros anos da década dos 30 Galicia vivía momentos de moita ilusión. Proclamouse a Segunda República e as esquerdas estaban nunha etapa de crecemento. Se ben o partido maioritario da esquerda era o PSOE, os comunistas comezaban a ter certa influencia no movimento obreiro.
Era Vigo, unha das cidades máis industriais de Galicia, o Partido Comunista formara un grupo moi activo entre os que estaban María Araúxo, Anxo Carcaño, Cantero, Agustín Leira e Xosé Gómez Gayoso.
O destacado escritor Xosé Neira Vilas nunha entrevista realizada a María recolle a testemuña da súa actividade sindical: “Anxo era secretario xeral do sindicato de mariñeiros de Vigo, e a min, na fabrica de corservas, tamén elixíronme delegada sindical e comecei a plantexar necesidades, dereitos: laceniñas ou armarios individuais para gardar a roupa, garderias para os nenos, atención ás embarazadas…Alí traballaban fundamentalmente mulleres. E o crego (dono da empresa) tratou de despedirme, fixo todo o que puido, pero a oposición das miñas compañeiras impediuno”.
Durante a súa activa militancia coñece á Pasionaria nun congreso celebrado en Madrid en 1935, tamén a tratou en París nun congreso antifascista. Cando Dolores Ibárruri visita Vigo durante a campaña da Frente Popular, María Araúxo e Agustín Leira son os encargados de acompañala na súa estadía na cidade, que conclúe co combativo mitin celebrado no campo de Barreiro.
En 1935 María e Anxo teñen a súa última filla, Dora. Eran anos de ilusión, a formación da Frente Popular abría a posibilidade de arrebatarlle o goberno á dereita, mentres en Galicia no 36 o referéndum do Estatuto daba un contundente apoio á proposta autonomista.
O triunfo da esquerda abre unha etapa de conspiracións golpistas que remata co alzamento do Xeneral Franco o 18 de xullo de 1936. En Vigo os traballadores movilízanse contra o golpe, concentrándose na Porta do Sol.
Alí as mulleres traballadoras da conserva enfróntanse coas tropas rebeldes. María Arauxo, Flora Rodríguez e outras compañeiras increpan ós soldados con berros de: “cobardes! Tirade contra o pobo indefenso, tirade contra nós! Cobardes…. “ .
Mentres, abren as blusas e golpean coas mans o peito. Os militares “valentes” responderon con balas, mentres a multitude indefensa corría polas rúas buscando refuxio.
Aquel día os traballadores parapetáronse no Calvario, a “Rusia Pequena”. Homes e mulleres con escopetas de caza intentaron durante dous días defender a cidade das tropas asasinas. A loita era desigual e os militares logran tomar militarmente a cidade.
María e Anxo deciden pasar á clandestinidade e lánzanse ó monte. Algúns refúxianse na Madroa, outros parapétanse nos montes cercanos a Vigo: “Aquilo foi espantoso. Estábamos cara a cara coa realidade máis violenta do fascismo. Carcaño e máis eu pasamos á clandestinidade… De primeiras fomos ó monte. Organizamos un grupo de “fuxidos” que se internaban nunha zona montañosa de Redondela”.
Co paso dos meses e á espera de que a guerra se decidira polo bando republicano, María e Anxo retornan á cidade onde se esconden na casa duns amigos que lles dan habitación e alimentos.
Anxo tenta en varias oportunidades saír da zona franquista para ir pelexar xunto ós leais. É así como cruza a fronteira con Francia, é detido neste país e confinado nun campo de concentración. Coa axuda do Consulado Cubano na Francia consegue saír daquele cárcere e adopta unha identidade cubana falsa, regresando novamente con esta documentación a Vigo. Despóis dun tempo en Vigo é detido e enviado aos traballos forzados durante dous anos. As malas condicións de traballo afectáronlle a saúde tendo que intervir o Cónsul de Cuba en Vigo que solicita a súa liberdade por cuestións humanitarias, conseguindo “repatrialo” dende Lisboa a Cuba.
María mentres tanto colaboraba como enlace da guerrilla baixo o nome de “Emilia”. En varias oportunidades participou na realización de emboscadas e accións de sabotaxe: “Nunha ocasión, sinala María, quedeime no monte varios días, fixen longas camiñatas, tomei parte en dúas emboscadas…”.
A policía e os falanxistas andaban na busca de María ata que lle tenderon unha trampa e foi detida na pensión na que habitaba. María é levada coa súa filla Dorita ó cárcere de Vigo. Despois dunha tempada en liberdade é novamente detida, intercedendo de novo o Cónsul cubano. A situación de María e a súa familia era moi difícil. Estaba moi controlada pola policía, sobrevivindo da venda na rúa de pescado que ía tódolos días a buscar ó Berbes. Ó pouco tempo chéganlle os billetes que lle manda o seu marido dende Cuba. É así como en 1944 embarca xunto ós seus fillos no buque “Marqués de Comillas”. Xunto a eles viaxaba o matrimonio formado polo médico de Tui, Francisco Comesaña e por Asunción Concheiro. Francisco, tamén comunista, estivera preso e a piques estivo de ser fusilado.
María chegou a Cuba e inmediatamente púxose a militar no Partido Socialista Popular (comunista). A súa primeira actividade foi percorrer este país denunciando ó réxime franquista. Co comezo do movimento revolucionario encabezado por Fidel Castro e o Movimento 26 de xullo, María desenrola unha intensa actividade de apoio á resistencia cívica que se desenrolaba nas cidades en apoio á guerrilla que loitaba para derrotar ó ditador Batista.
María participaba nas manifestacións, vendía bonos, escondía combatentes etc. Co triunfo da Revolución, María Arauxo funda na súa casa o primeiro Comité de Defensa da Revolución do barrio mariñeiro de Casablanca.
Tamén integra a Federación de Mulleres Cubanas e recibe preparación militar para defender a nacente revolución.. Durante a invasión de 1961 promovida polos EE.UU., María tivo unha destacada participación como miliciana, contrarrestando os intentos da reacción de organizar unha resistencia no interior de Cuba. Coa súa labor de miliciana logrou deter a máis de douscentos elementos contrarevolucionarios.
Durante a súa larga traxectoria política María Araúxo foi distinguida con varias condecoracións, entre elas a “Orden Ana Betancourt” que lle foi entregada polo Comandante Fidel Castro, a “Medalla 23 de agosto”, pola Federación de Mulleres Cubanas e a “Medalla 28 de setembro” outorgada polos Comités de Defensa da Revolución.
María Araúxo, incansable loitadora, faleceu na Habana no mes de Nadal do 1989.