A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou unha manifestación este venres, día 8 de marzo, en Vigo en defensa das mulleres “asasinadas” e “explotadas”, segundo explicou a responsable sindical desta área na comarca, Rosa Chantada.
Nunha rolda de prensa celebrada este mércores na cidade olívica, Chantada incidiu na importancia desta marcha, que terá lugar ás 12,00 horas fronte ao farol da rúa Urzáiz, co obxectivo de denunciar o machismo que sofren as mulleres “desde a infancia”.
Tamén criticou as “sentenzas machistas” que “dan sensación de impunidade“, segundo resaltou, en relación á resolución xudicial do caso do abuso sexual a unha moza durante as festas de San Fermín en Pamplona en 2016.
Así mesmo, detallou que a CIG tamén convocou senllas mobilizacións diante dos consistorios dos municipios pontevedreses de Bueu, Cangas do Morrazo, Moaña e Tomiño para este venres ás 12,00 horas. Os sindicalistas tamén se unirán á manifestación fixada por Galegas 8M para as 20,00 horas do mesmo día na Praza de España de Vigo e que percorrerá as rúas da cidade ata Porta do Sol.
A responsable sindical comarcal da área da Muller tamén cualificou de “abusivos” os servizos mínimos fixados pola Xunta para o día 8 de marzo, no que este sindicato convocou paros de 24 horas. Ademais, resaltou que, tras as mobilizacións do ano anterior, retiráronse as pancartas que colgara a CIG na cidade olívica.
SITUACIÓN DAS MULLERES
No marco da presentación, a economista do gabinete técnico do sindicato Natividad López informou de que, en Galicia, “unha de cada catro mulleres está por baixo do nivel de pobreza”. Así, detallou que, de acordo con datos do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, en 2017, o 59 por cento dos perceptores da Renda de Integración Social (Risga) de Galicia foron mulleres. Este colectivo supuxo tamén o 94 por cento dos beneficiarios de familias monoparentais, segundo o Informe de rendas mínimas de inserción do mesmo ano.
BRECHA SALARIAL
Ademais, Natividad López achacou o descenso da brecha salarial na Comunidade -que en 2009 se elevaba ata o 23 por cento e queen 2017 se situou no 21,5- á perda de emprego por parte do colectivo masculino durante ese período. Así, detallou que, entre eses anos, os ingresos salariais medios brutos anuais das mulleres creceron un 3,4 por cento fronte ao 1,4 dos homes.
En canto aos tramos de menores ingresos, ata 1,5 veces o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), a porcentaxe de mulleres galegas foi maior. Con todo, só representaron o 37 por cento das persoas que recibiron ingresos por encima de 10 veces o SMI. Adicionalmente, en Galicia, un 37 por cento deste colectivo non alcanzou o SMI, mentres que un 20 por cento obtivo ingresos por valor da metade do salario mínimo.
A economista técnica do gabinete da CIG engadiu que un 21 por cento das galegas traballaron a media xornada, fronte a menos dun 6 por cento dos homes. A maiores, un 36 por cento dos contratos realizados a mulleres tiveron unha duración inferior a unha semana. Ademais, destacou que, entre os menores de 25 anos, as mulleres presentaron unha media de dous meses menos de cotización, que ascenden a unha diferenza de 10 anos no conxunto da vida laboral, o que provoca diferenzas retributivas por xénero nas pensións de xubilación.