InicioSociedadeVigo abastecerá de auga a Baiona desde o luns e carga contra...

Vigo abastecerá de auga a Baiona desde o luns e carga contra a Xunta: “Onde está a Administración que ten que resolver o problema?”

O Concello vigués activará o bombeo desde Eiras a Zamáns para garantir a subministración a Baiona a través de Nigrán, mentres acusa o Goberno galego de non ofrecer solucións ante a situación dos encoros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo confirmou que atenderá a petición de Baiona e comezará a subministrarlle auga a partir deste luns, ante as dificultades de abastecemento que atravesa o municipio miñorán. A solicitude foi trasladada este sábado a través da empresa concesionaria de Baiona e, segundo explicou o Goberno local vigués, a cidade está preparada para activar o sistema necesario para garantir o servizo. Porén, o Concello de Vigo aproveitou o anuncio para arremeter con dureza contra a Xunta de Galicia, á que acusa dunha “inacción absoluta” ante o problema de abastecemento.

“Vigo está preparado para facilitar auga ao concello veciño, pero que solucións achega a Xunta de Galicia? Onde está a Administración que ten que resolver o problema? Onde está a súa conselleira?”, cuestiona o Goberno vigués nun comunicado. O Executivo local chega mesmo a reclamar a dimisión da responsable autonómica en materia de Medio Ambiente. “Ten que dimitir de forma inmediata porque, se non fose por Vigo, Baiona quedaría sen auga a partir do luns”, sostén.

EIRAS BOMBEARÁ A ZAMÁNS E DESDE ALÍ ABASTECERASE BAIONA

O compromiso para garantir a subministración xa fora abordado hai dúas semanas nun encontro entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o rexedor de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña. Caballero comprometeuse daquela a buscar unha solución se a situación empeoraba, algo que agora se concretará mediante o envío de auga procedente do sistema do encoro de Eiras.

O Concello de Vigo advirte, con todo, de que Eiras atravesa tamén unha situación delicada, polo que o operativo obrigará a reorganizar o sistema de abastecemento. A través do bombeo de Macal, a auga será enviada desde Eiras ata Zamáns. A partir de aí, o encoro de Zamáns bombeará ao 100% da súa capacidade, uns 76 litros por segundo, para permitir que a auga chegue a Baiona a través de Nigrán. Deste xeito, Zamáns pasará a abastecer en exclusiva Nigrán e Baiona, co obxectivo de dar unha resposta inmediata ás dificultades de subministración no Val Miñor.

VIGO XA AUXILIARA BAIONA NOUTRAS OCASIÓNS

O Concello lembrou que esta non é a primeira vez que Vigo abastece de auga Baiona en situacións de dificultade. En 2011, o municipio vigués proporcionoulle auga durante case tres meses, mentres que en marzo de 2019 volveu prestar apoio por mor dunha avaría. Tamén o ano pasado Abel Caballero se comprometera a garantir o abastecemento ao concello veciño, aínda que finalmente non foi necesario activar o sistema pola chegada das precipitacións.

EIRAS, “NO NIVEL MÁIS BAIXO DA SÚA HISTORIA”

O conflito político coa Xunta intensifícase nun momento no que, segundo o Concello de Vigo, o encoro de Eiras se atopa “no nivel máis baixo da súa historia”. O Goberno municipal considera que a situación actual reforza a súa reclamación de construír unha nova presa augas arriba do Oitavén, unha proposta que nas últimas semanas xa provocou un cruce de acusacións entre Abel Caballero e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Segundo Vigo, esta nova infraestrutura permitiría incrementar a capacidade de reserva e garantir a subministración non só á cidade, senón tamén aos concellos que dependen directa ou indirectamente do sistema de Eiras.

O Concello critica que, malia a situación actual, a Xunta “segue sen querer entender” a necesidade desta obra. “É precisa unha nova presa augas arriba do Oitavén que permita aumentar a capacidade de reserva e garantir a subministración tanto á cidade como aos concellos que dependen directa ou indirectamente desta infraestrutura”, insiste o Goberno local. E conclúe cunha nova crítica ao Executivo autonómico: “Vigo amañando o problema de Baiona e a Xunta na praia”.

ÚLTIMAS

Atopan nas proximidades da ponte de Rande o corpo do home desaparecido en Redondela (Pontevedra)

Un equipo do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil e un...

Vigo demolerá o antigo restaurante Di San Remo de Samil antes do próximo verán

A Xunta de Goberno Local de Vigo aprobará este venres a demolición do antigo...

Conxemar expulsa a unha empresa italiana por usar a imaxe de mulleres espidas para promocionar ameixas

A organización considera a promoción da compañía italiana de ameixas do adriatico incompatible cos...

Vigo aposta por voos directos a Londres, París, Sevilla e Alicante para atraer máis turismo

O Concello de Vigo iniciou o contrato de promoción turística da cidade a través...