InicioSociedadeMos leva á Subdelegación a protesta polo estado da N-550 e anuncia...

Mos leva á Subdelegación a protesta polo estado da N-550 e anuncia novos cortes da estrada

A alcaldesa, Nidia Arévalo, reclama ao Goberno melloras de seguridade viaria, mentres o subdelegado Abel Losada acusa a rexedora de “populismo” e atribúe parte do problema a decisións urbanísticas municipais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Varias decenas de veciños de Mos, encabezados pola súa alcaldesa, Nidia Arévalo, concentráronse este venres diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para esixir actuacións de mellora da seguridade viaria e do estado de conservación da N-550 ao seu paso polo municipio. Na protesta participaron tamén representantes de entidades veciñais e membros da comisión de seguimento da N-550, que reclamaron ao Goberno de España que atenda “dunha vez” as reiteradas peticións trasladadas desde o Concello para actuar nesta estrada.

Entre as demandas figuran a transformación en travesía urbana dos treitos de Sanguiñeda e Mos, a remodelación da intersección de Louredo, a reparación do firme en Amieirolongo, a mellora da sinalización, o acondicionamento de beirarrúas e arcéns e a limpeza das cunetas. Desde o Concello denunciaron que é “inaceptable” o “silencio do Ministerio de Transportes” ante unhas reclamacións que, segundo sosteñen, afectan a diario á seguridade de milleiros de condutores, peregrinos e peóns.

NOVAS MOBILIZACIÓNS

Ante a falta de resposta, a comisión acordou continuar intensificando as mobilizacións. O Concello anunciou que a seguinte protesta será un corte da estrada, nunha data que se comunicará proximamente. Nidia Arévalo agradeceu a participación dos veciños nesta concentración “pacífica” e lamentou que “ningún representante do Estado” quixese recibir a comisión para escoitar unhas reivindicacións que, segundo defendeu, teñen como único obxectivo mellorar a seguridade viaria.

LOSADA ACUSA A ARÉVALO DE “MANIPULACIÓN” E “POPULISMO”

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, expresou o seu “máximo respecto” pola decisión dos veciños de se manifestaren, pero cargou contra o que cualificou como “populismo, partidismo e manipulación habitual” da alcaldesa de Mos. Losada lembrou que el mesmo recibiu a rexedora hai uns meses e que lle explicou que, ao seu xuízo, “non ten razón nas súas demandas”.

Segundo o subdelegado, as reivindicacións xa foron “contestadas tecnicamente” polo Ministerio, que trasladou que a estrada non cumpre as condicións para ser considerada travesía. Ademais, Losada sostivo que, se a vía está saturada de tráfico, é pola decisión do propio goberno local de Mos de “legalizar a construción dun complexo comercial promovido por unha sociedade mercantil”, onde despois se abriron un hipermercado e un establecemento de bricolaxe.

A ORIXE DO CONFLITO, SEGUNDO O GOBERNO

O subdelegado apuntou que ese complexo comercial contou no seu día cun informe negativo da Unidade Provincial de Estradas, xa que “invadía un dos ramais do proxecto de mellora da ligazón entre a A-52 e a A-55”. Con todo, segundo Losada, Arévalo conseguiu que se modificase o proxecto e outorgou licenza para esas dotacións. Por iso, concluíu que a causa do problema ten a súa orixe nunha decisión da propia alcaldesa, á que acusou de optar por “salvar un proxecto comercial” por riba da seguridade viaria, coa complicidade dun Goberno central “afín” daquela.

“Quen causa un problema favorecendo os intereses dunha sociedade mercantil, cun dos cuxos socios mantiña unha relación de afinidade coñecida publicamente, debe pedir perdón e non armar balbordo”, criticou Losada. O subdelegado engadiu que Arévalo fai do “conflito permanente” a súa maneira de entender a política e defendeu que actualmente hai un Goberno en España que prioriza os proxectos en función da súa utilidade social e non de intereses particulares. A disputa pola N-550 abre así un novo capítulo de enfrontamento entre o Concello de Mos e a Subdelegación do Goberno, mentres a veciñanza reclama solucións para unha estrada que considera insegura e pendente de actuacións urxentes.

ÚLTIMAS

Un motorista morre nun accidente na Avenida do Aeroporto de Vigo

Un motorista faleceu na noite deste mércores en Vigo despois de sufrir un accidente...

Unha avaría eléctrica deixa sen luz uns 3.500 usuarios en Vigo

Unha avaría nunha liña eléctrica subterránea de media tensión provocou este xoves cortes na...

Aprazan o Celta-Osasuna ao 27 de agosto e levanta rebumbio

O RC Celta de Vigo informou do adiamento do seu partido ante o CA...

Falece un motorista nunha rotonda da Avenida do Aeroporto en Vigo

Un motorista perdeu a vida na noite deste pasado mércores en Vigo tras sufrir...