InicioSociedadeO fiscal eleva a 17 anos a petición de cárcere para o...

O fiscal eleva a 17 anos a petición de cárcere para o acusado de tentar asasinar a súa exparella cunha lanza caseira en Vigo

O acusado alega que a muller "se autolesionó" para incriminarlle pero as acusacións ven probada a aleivosía.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O fiscal elevou a 17 anos de cárcere a petición de pena para o home xulgado pola Audiencia Provincial de Pontevedra como suposto autor dun delito de asasinato en grao de tentativa por agredir a súa exparella en Vigo utilizando unha lanza de fabricación caseira. No seu informe final perante a Sección Cuarta da Audiencia, o representante do Ministerio Público modificou as súas conclusións para incrementar a petición de prisión, ao dar por acreditado que o home, na tarde do 15 de xuño de 2025, acudiu á vivenda da súa exmuller, coa que mantivo unha relación de 38 anos, armado cunha “pata de cabra” e unha especie de lanza de fabricación caseira, coa intención de matala.

Ao respecto, o fiscal lembrou que a atacou en varias acometidas, dirixindo os golpes a zonas vitais do corpo, como o abdome ou a cabeza, e que a vítima, que acabou caendo ao chan inconsciente, non tivo posibilidade de defenderse. O Ministerio Público solicita que se lle apliquen as circunstancias agravantes de reincidencia, xa que o acusado cumpriu condena por outros dous homicidios; de parentesco; e de xénero. Ademais da pena de prisión, reclama que se lle impoña a prohibición de achegarse ou comunicarse coa súa exmuller durante un período de nove anos máis ca pena de cárcere, e que a indemnice con 3.891 euros polas lesións e outros 4.000 euros por dano moral.

A ACUSACIÓN PARTICULAR FALA DA “FORZA E BRUTALIDADE” DO ATAQUE

Pola súa banda, a acusación particular atribúelle os mesmos delitos e agravantes, aínda que pide unha pena de 15 anos de cárcere e unha indemnización de 24.000 euros. No seu informe final, a letrada da vítima incidiu na “forza e brutalidade” do ataque e lembrou que “a capacidade de matar do acusado xa está acreditada”, ademais de que el mesmo “fai gala de que pode facelo”. De feito, esta avogada subliñou que o propio axente que o detivo, despois dun forcexo e de que o acusado o atacase coa lanza, recoñeceu que entre eles houbo “unha pelexa a morte”. A todo iso súmase, segundo a acusación particular, o feito de que o procesado “non pediu perdón” e mostrou unha “completa falta de arrepentimento”.

EXPULSADO DA SALA DURANTE A ÚLTIMA SESIÓN DO XUÍZO

Durante esta segunda e última sesión do xuízo, o acusado foi advertido en varias ocasións pola presidenta do tribunal, xa que interrompeu un testemuño policial facendo acenos e queixándose, e tamén interrompeu a avogada da acusación durante a presentación do seu informe final. Tras varias advertencias, a xuíza determinou a súa expulsión da sala, e o acusado só regresou para facer uso do seu dereito á última palabra.

Precisamente nese trámite, o procesado reafirmou a súa inocencia e insistiu en que non lle fixera “nada” á súa exmuller, senón que acudira á súa vivenda para advertirlle de que a denunciaría por supostamente lle ter roubado 700 euros“Son inocente. Eu xa paguei polo que fixen, pero aquilo fíxeno. Isto non, nisto ela autolesionouse para incriminarme”, proclamou. Ademais, engadiu: “En case 40 anos non lle toquei nin un pelo, nin a insultei sequera. Eu non fixen tal cousa, nin borrei as pegadas da arma”.

A DEFENSA PIDE A ABSOLUCIÓN

O seu avogado defensor pediu que sexa absolto, xa que, ao seu xuízo, non quedou probado o ánimo de matar. Ao respecto, incidiu en que, en todo caso, podería haber un delito de lesións, xa que o resultado do suposto ataque foi “de escasa gravidade”. Tras sinalar que “non pode descartarse” o suposto das autolesións, apuntou que o acusado “non tiña intención de matar” e que, se a tivese, debe aplicarse a eximente de “desistimento voluntario”. Por iso, pediu que sexa absolto ou, en todo caso, condenado por lesións ou, como moito, por homicidio, aínda que sen a aplicación de agravantes. Tamén reclamou que se teña en conta a circunstancia atenuante de intoxicación, xa que o home consumira alcohol e medicación, ademais de ter unha adicción.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...