Os casos de violencia sexual –con denuncia– investigados por forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) baixaron un 12% en Galicia en 2025 e un 40% en Vigo, cidade que, con todo, segue á cabeza nesta casuística. Asemade, das 1.982 mortes analizadas, case a metade foron violentas.
Así o sinalou a directora do instituto, Noemí Morte, na presentación da memoria do ano pasado este mércores nunha rolda de prensa. Morte puxo en valor o reforzo da actividade desenvolvida pola unidade de valoración forense integral de violencia de xénero, que, segundo os seus datos, duplicou o número de valoracións realizadas con respecto a 2024.
Tamén salientou que, entre as novidades incorporadas, o Imelga utilizou ferramentas de xeorreferenciación, que permiten localizar territorialmente os casos e identificar áreas de maior incidencia para facilitar a planificación de medidas preventivas. Ademais, o Imelga fixo un estudo sobre a residencia das persoas investigadas e intensificou a colaboración co Sergas mediante actividades formativas e a implantación de protocolos comúns para a recollida de mostras biolóxicas, “favorecendo unha resposta máis coordinada”, segundo a Xunta.
A responsable do Imelga tamén chamou a atención sobre o feito de que, en 2025, se completaron as actuacións nas salas denominadas “amables” das sedes de Lugo, Pontevedra e Ourense, mentres continuaban os traballos para a súa implantación en Vigo. Estes espazos, desenvolvidos en colaboración coa Fundación Andrea, incorporan melloras na decoración, na sinalización, no mobiliario e nas zonas de espera para crear contornas máis acolledoras para nenos, adolescentes e persoas con discapacidade.
A MEMORIA
A memoria do Imelga recolle que recibiu 34.089 solicitudes de actividade pericial no ano 2025 e emitiu 28.099 informes definitivos, o que supón a resolución de máis do 82% dos expedientes iniciados. Morte, acompañada polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, explicou que este instituto concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Dispón de sete subdireccións, unha en cada unha das sete cidades galegas, e conta con 141 profesionais entre médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios dos corpos xerais e auxiliares de autopsia.
“A actividade mantívose en niveis semellantes aos de 2024, consolidando a carga de traballo e a capacidade de resposta do instituto”, destaca a Xunta. O núcleo principal da labor do Imelga constituíu un ano máis o ámbito da clínica forense, que engloba todas as pericias médicas, xudiciais e extraxudiciais e as dos equipos psicosociais demandadas por xuíces, tribunais e fiscalías: 30.469 peticións, isto é, nove de cada 10 solicitudes tramitadas.
A carga maioritaria desenvólvese no ámbito da pericia médica xudicial (27.780), seguida da pericia extraxudicial (1.731) e da pericia psicosocial. A patoloxía forense protagonizou 3.620 solicitudes, na súa maioría correspondentes á práctica de autopsias ou recoñecementos de cadáveres en investigacións xudiciais. A pericia médica xudicial do servizo de clínica forense, con 21.176 pericias solicitadas, representa a maior parte da demanda pericial xudicial total.
Divídese principalmente en dúas áreas: a de avaliación de lesións e outra de psiquiatría forense. No caso das valoracións do dano corporal, rexistráronse 9.713 solicitudes. A maior parte das demandas estiveron vencelladas con agresións ordinarias (6.537), seguidas polas agresións físicas relacionadas coa violencia sobre a muller (1.154) e as lesións de tráfico (692).
MORTES VIOLENTAS
No que atinxe ao servizo de patoloxía forense, encárgase de todas as pericias que teñen por obxectivo coñecer a causa e as circunstancias da morte nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade. O Imelga realizou 1.982 investigacións médico-legais, das que 951 se corresponden con mortes naturais sometidas a investigación xudicial e outras 908 con mortes violentas. Entre estas últimas, destacan os 303 suicidios e os 112 falecementos derivados de accidentes de tráfico.
Sobre a tendencia a que predomine o estudo das mortes naturais sobre as violentas, a directora do Imelga incidiu na necesidade de racionalizar a xudicialización das mortes de persoas de idade avanzada con enfermidades coñecidas e cando non existen indicios de criminalidade, co obxectivo de evitar “autopsias innecesarias”, optimizar recursos públicos e reducir as demoras para as familias.
INNOVACIÓN
A transformación dixital é outro dos eixes estratéxicos do instituto e durante 2025 destaca a posta en marcha da nova páxina web e a incorporación do acceso ao visor “Exe” para facilitar a consulta de documentación. Tamén sobresae o desenvolvemento de proxectos piloto de textualización mediante intelixencia artificial e escribas dixitais e a implantación do sistema “Morfeo” para optimizar a xestión da información pericial.
