InicioSociedadeCarmen García Mateo toma posesión como primeira reitora da UVigo e reclama...

Carmen García Mateo toma posesión como primeira reitora da UVigo e reclama á Xunta “financiamento e confianza”

Alfonso Rueda ofrece a "colaboración leal" do goberno galego e confía en que haxa acordos sobre financiamento e titulacións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, tomou este xoves posesión do seu cargo e converteuse na primeira muller en asumir esta responsabilidade nos 36 anos de historia da institución. No seu discurso, García Mateo puxo en valor o papel da UVigo na sociedade galega e reclamou á Xunta, para facer fronte aos retos dos vindeiros anos, “financiamento e confianza”. O acto celebrouse na Facultade de Económicas e contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; os alcaldes de Vigo e Pontevedra; os reitores da USC e da UDC; e outros cargos e autoridades.

“UNHA UNIVERSIDADE COMPLETA, DIVERSA E CONECTADA”

García Mateo definiu a UVigo como unha “universidade completa, diversa e conectada”, con numerosas fortalezas, aínda que tamén con “chanzos que subir”. Entre os retos que citou están a captación de talento, a estabilización e consolidación de grupos de investigación e o reforzo da interacción internacional. “Podemos facelos, pero para avanzar necesitamos financiamento e confianza”, proclamou. A nova reitora apelou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para pedirlle que confíe na Universidade de Vigo e faga “unha aposta decidida polas universidades públicas galegas”“O retorno será superior ao investimento”, asegurou.

A PRIMEIRA MULLER Á FRONTE DA UVIGO

García Mateo recoñeceu sentirse “profundamente honrada” por ser a primeira muller á fronte da Universidade de Vigo. Segundo afirmou, este feito supón “un sinal claro do camiño que, como sociedade, decidimos percorrer”. No seu discurso, chamou a enarborar as bandeiras do coñecemento e a excelencia, da lingua e a ciencia aberta e da modernidade e o progreso.

A EDUCACIÓN SUPERIOR COMO ANTÍDOTO CONTRA A “BARBARIE”

A nova reitora reivindicou tamén “a urxencia de loitar pola paz desde as aulas e laboratorios”“A educación superior debe ser o maior antídoto contra a barbarie; o espazo por excelencia onde se constrúa unha cultura de paz global, baseada na xustiza social, os dereitos humanos e a solidariedade internacional”, proclamou. García Mateo enumerou ademais algúns dos grandes retos aos que se enfronta o novo equipo de goberno da UVigo, como o financiamento, as novas demandas sociais, a gobernanza ou a adaptación ás tecnoloxías emerxentes. Neste sentido, subliñou que “non só se trata de adaptarnos ao cambio, senón de anticipalo e lideralo”.

RUEDA OFRECE “COLABORACIÓN LEAL” DA XUNTA

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desexou “a mellor das sortes” ao novo equipo reitoral, ao que agarda un traballo “moi intenso”, pero tamén “ilusionante”. Rueda lembrou que as universidades galegas, que manteñen unha tradición de “competencia leal” entre elas, son “parte fundamental do progreso de Galicia”. O presidente asegurou que o Goberno galego estará “á beira” do novo equipo da UVigo, ofrecendo “colaboración leal” e apoio tanto a esta universidade como ao resto das institucións públicas do sistema universitario galego. Entre as medidas citou a gratuidade das matrículas, o plan de financiamento, o apoio á investigación e o plan de infraestruturas.

O NOVO PLAN DE FINANCIAMENTO, ENTRE OS RETOS

Rueda sinalou que hai “moitos retos por diante”, entre eles a negociación do novo plan de financiamento universitario e a mellora do mapa de titulacións. “Hai moitos retos por diante, como a negociación do novo plan de financiamento, que é algo no que temos que acertar, e tamén a mellora do mapa de titulacións”, apuntou. O presidente galego amosouse convencido de que haberá acordos porque, segundo dixo, Xunta e universidades comparten o mesmo obxectivo: “unha universidade pública de calidade e innovadora, que manteña e aumente o seu prestixio e que siga sendo un referente”.

REIGOSA DESPÍDESE CON “ORGULLO”

O reitor saínte, Manuel Reigosa, tomou a palabra para expresar o seu “orgullo” polo traballo realizado polo seu equipo durante os últimos anos. Tamén agradeceu o esforzo das persoas que o acompañaron nesta etapa, das que dixo que deixaron “a pel”. Ao novo equipo reitoral trasladoulle os seus parabéns e desexoulle “moitísimos acertos”.

UNHA TRAXECTORIA VINCULADA Á TECNOLOXÍA DA FALA

Carmen García Mateo naceu en Vigo en 1963. É enxeñeira de Telecomunicación e doutora en Enxeñaría de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid. Ademais, é catedrática da área de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade de Vigo. Na institución viguesa é responsable do grupo de investigación de Tecnoloxías Multimedia (GTM) do centro de investigación AtlanTTic e xa formara parte do goberno universitario como vicerreitora entre 2006 e 2010, no equipo do entón reitor Alberto Gago. A súa investigación céntrase na tecnoloxía da fala en galego e castelán, a segmentación de audio, o recoñecemento biométrico e a detección por voz de enfermidades neurodexenerativas.

O BNG PIDE REFORZAR O FINANCIAMENTO UNIVERSITARIO

Antes de asistir ao acto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avogou por mellorar o financiamento da universidade pública galega para fortalecer o seu papel no desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia. Pontón advertiu de que, nun momento no que, segundo afirmou, se pretende avanzar na privatización, resulta urxente reforzar a autonomía das institucións públicas e o seu financiamento. Por iso, ás portas da negociación dun novo plan de financiamento, defendeu que é o momento de apostar por aumentar os recursos das universidades públicas.

A líder do BNG trasladou tamén a súa satisfacción polo feito de que a UVigo vaia estar dirixida nos próximos seis anos por unha muller, aínda que lamentou que esta situación, xunto coa elección de Rosa Crujeiras como reitora da USC, siga sendo algo excepcional. Nese sentido, pediu avanzar na “axenda feminista”, especialmente nun momento no que, segundo advertiu, “algúns” queren provocar retrocesos neste ámbito.

ÚLTIMAS

Vigo activa as súas catro zonas de baixas emisións: os coches sen distintivo ambiental xa non poden circular por elas

O Concello de Vigo puxo en marcha este xoves as catro zonas de baixas...

Prisión para dous dos cinco detidos tras desmantelar tres “narcopisos” en Vigo

O maxistrado da praza 4 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de...

Dous anos e tres meses de prisión para o home que atracou e feriu a unha taxista en Vigo

O home que asaltou e feriu unha taxista en Vigo aceptou dous anos e...

Cinco detidos e rexistros en tres ‘narcopisos’ nunha operación contra o tráfico de drogas en Vigo

A Policía Nacional informou de que axentes pertencentes á Udyco da Comisaría de Vigo-Redondela...