O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este luns que a Deputación “estafa” a cidade e cualificou de “mentira” os investimentos anunciados nos orzamentos provinciais pola vicepresidenta da institución, Luisa Sánchez, que cifrou en máis de 66 millóns de euros os fondos consignados para a cidade olívica no que vai de mandato provincial.
En declaracións remitidas aos medios, o alcalde apuntou que, nos últimos catro anos, o orzamento anual da Deputación aumentou un 44,4%, polo que a achega á cidade de Vigo debería ter medrado na mesma medida. “Pois non, subiu cero, subiu cero porque o convenio de investimento segue nos 5 millóns”, denunciou, e engadiu que esa achega anual debería situarse arredor dos 8 millóns de euros e non seguir “conxelada”.
En relación con algunhas partidas do orzamento provincial relativas a Vigo, Caballero foi especialmente crítico coas anualidades reservadas para a reforma do Teatro Cine Fraga. A este respecto, censurou que a Administración provincial achegase 4,6 millóns de euros para a compra do edificio (un 49% do custo total), de maneira que lle fixo “un agasallo” á Xunta, pero non ten a maioría da propiedade e “non manda, manda a Xunta”.
En canto ás partidas reservadas para as obras do Fraga, criticou que se vaian destinar case 10 millóns de euros nos próximos anos, cando o teatro non estará operativo ata 2029. “Van tardar cinco anos desde que o compraron ata que o rematen. Ben, en cinco anos chégase a Marte”, ironizou. Ademais, engadiu que, para entón, o PP non gobernará a Deputación, polo que están “hipotecando a xestión da Deputación regalándolle cartos á Xunta”.
O rexedor tamén criticou a “cifra ridícula” destinada a captar rutas para Peinador, de 400.000 euros, que “non é para pagar voos”, senón para facer “publicidade”, “en definitiva, campaña electoral”. Ademais, lamentou que a institución provincial non reserve fondos para asinar un convenio e cofinanciar, xunto co Concello e a Xunta, a reforma da bancada de Tribuna para que poida ser sede do Mundial de fútbol.
Pola contra, criticou, a Deputación reserva 9 millóns de euros no orzamento do próximo ano para o Museo de Pontevedra. “Non digo que non haxa que dedicalos, o que digo é… e en Vigo? En Vigo regálanlle os cartos á Xunta, pero non asinan o convenio para o Mundial”, constatou, e subliñou que ese convenio suporía unha achega anual duns 6 millóns de euros, inferior á partida dedicada ao Museo.
“Por tanto, isto é todo unha mentira (…), as cifras concretas din ‘hai tantos millóns para Vigo’, pero alí non están. Alí non están. Non levan o nome de Vigo eses orzamentos e esas partidas no orzamento. Que é o que queren? Non gastar en Vigo. Dedicar os cartos a outros lugares”, denunciou Abel Caballero, que insistiu en que “na Deputación manda a alcaldesa de Mos”, que ordena que os cartos vaian para o seu municipio e non para Vigo. Finalmente, volveu acusar o goberno provincial de non querer asinar os convenios de investimentos de 2026 e 2027. “Estannos estafando millóns e millóns de euros”, criticou.
RESPOSTA DA DEPUTACIÓN
Ante estas acusacións, a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, lembrou que o alcalde foi cambiando nos últimos meses a achega que, ao seu xuízo, debe facer a Deputación cada ano nos convenios para obras. “Segundo se levante ese día son 6,5 millóns, ou poden ser 10 millóns. Hoxe son 8 millóns. Ese é o seu criterio, moi propio dun catedrático de Economía”, afirmou, en declaracións remitidas á prensa, antes de lembrar que, ao comezo do mandato provincial, solicitou 5 millóns de euros anuais ata 2027.
Sánchez insistiu en que, neste mandato, a Deputación destinou ou consignou case 67 millóns de euros para Vigo, e replicoulle ao alcalde sobre os convenios bilaterais anuais, subliñando que é o goberno local o que non quere asinalos, ao terse modificado os textos (para dar maior visibilidade ao investimento provincial). “Mentres o resto de alcaldes e alcaldesas socialistas asinan convenios co presidente provincial, el négase. Iso si que é estafar a cidade”, concluíu.
Por outra banda, lamentou “a tirria que desprende o señor Caballero cara ao resto da provincia” e “o seu rexeitamento” á recuperación do Teatro Cine Fraga. A este respecto, lembrou que o alcalde “intentou ata o último minuto entrar na operación para comprar e rehabilitar o Fraga”. “Non o quería gratis, non. Ofreceulle cartos á Xunta para ter unha parte. Pero como chegou tarde e lle dixeron que non, enfadouse”, asegurou.
Por último, en relación cos voos, Luisa Sánchez sinalou que Wizz Air iniciou este luns as operacións en Lavacolla, coa apertura dunha base con dez rutas mediante o modelo de promoción en destino e orixe, o que defenden a Deputación e Aena. “Aquí o alcalde de Vigo, co seu modelo obsoleto de dopar aeroliñas e pagar por iso, só prevé captar catro rutas”, sentenciou.
