InicioSociedadeExpertos apostan en Vigo por "reconstruír un sistema internacional baseado en alianzas"...

Expertos apostan en Vigo por “reconstruír un sistema internacional baseado en alianzas” e non en “ojivas nucleares”

Os dous analistas participaron no ciclo Diálogos para o Desenvolvemento, onde abordaron o impacto das relacións internacionais na economía global e o papel de Europa nun contexto de crecente incerteza.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O analista político e económico Eduardo Madina e o exvicepresidente económico e exministro de Exteriores de Portugal Paulo Portas protagonizaron este martes en Vigo un encontro do ciclo Diálogos para o Desenvolvemento, no que reflexionaron sobre como as relacións internacionais e a actual interdependencia afectan á economía global. Durante o encontro, ambos defenderon a necesidade de “reconstruír un sistema internacional baseado en alianzas” e non en “oxivas nucleares”, nun escenario marcado polas tensións xeopolíticas e polos cambios no equilibrio de poder mundial.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, Paulo Portas, que na súa intervención abordou as relacións entre os presidentes de Estados Unidos, China e Rusia —Donald Trump, Xi Jinping e Vladimir Putin, respectivamente— para reflexionar sobre se o actual sistema de poder pode chegar a substituír as alianzas entre países, así como sobre o papel de Europa neste contexto. “Un sistema de potencias baseado na forza militar e, dentro desa forza, no número de oxivas nucleares que tes, non lle convén a países como España ou Portugal; non lle convén a Europa”, afirmou Portas, que apelou a “reconstruír un sistema internacional baseado en alianzas, en tratados, en convenios, en regras, en límites”“Non é perfecto, pero garantiu durante 80 anos paz, seguridade e prosperidade”, engadiu o exministro portugués.

Portas falou tamén do caso das economías española e portuguesa, que definiu como “unha excepción positiva” no seu contexto. “Estamos medrando bastante por riba da media europea, reducimos de forma significativa a débeda” e o paro atópase “en niveis algo menos inaceptables”, afirmou. Nese escenario, tanto a economía española como a portuguesa son “economías cada vez máis exportadoras” e, para exportar, é precisa unha situación internacional estable. “Eu son moi partidario da tese de que, se fas comercio, tes máis oportunidades coa paz”, concluíu.

O debate contou tamén coa intervención de Eduardo Madina, que analizou a economía interdependente no contexto global actual e reflexionou sobre a aceleración e a desglobalización como elementos contrapostos. Durante o seu relatorio, Madina compartiu co público as súas consideracións sobre as proxeccións económicas para 2030, incidindo no cumprimento da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible —ODS—. O analista español profundou tamén na competitividade e na transformación económica en relación coa sustentabilidade e coa adaptación á revolución tecnolóxica.

ÚLTIMAS

Vigo activa as súas catro zonas de baixas emisións: os coches sen distintivo ambiental xa non poden circular por elas

O Concello de Vigo puxo en marcha este xoves as catro zonas de baixas...

Prisión para dous dos cinco detidos tras desmantelar tres “narcopisos” en Vigo

O maxistrado da praza 4 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de...

Dous anos e tres meses de prisión para o home que atracou e feriu a unha taxista en Vigo

O home que asaltou e feriu unha taxista en Vigo aceptou dous anos e...

Cinco detidos e rexistros en tres ‘narcopisos’ nunha operación contra o tráfico de drogas en Vigo

A Policía Nacional informou de que axentes pertencentes á Udyco da Comisaría de Vigo-Redondela...