InicioSociedadeVigo inaugura a maior estación óptica de España para comunicacións cuánticas e...

Vigo inaugura a maior estación óptica de España para comunicacións cuánticas e entra no mapa europeo da ultra seguridade

A nova infraestrutura ‘Antonia Ferrín’, situada no campus da UVigo, permitirá conectar no futuro con satélites cuánticos europeos e reforza o papel de Galicia na carreira tecnolóxica pola transmisión de datos de máxima seguridade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, inauguraron este xoves a estación óptica terrestre para comunicacións cuánticas ‘Antonia Ferrín’, a maior de España, situada no campus vigués. Esta infraestrutura sitúa a Galicia nunha posición de vantaxe no ámbito da transmisión espacial de máxima seguridade e, segundo destacou o conselleiro, supón “un paso moi importante para situar na vangarda a I+D+i, a ciencia e a innovación” feitas na comunidade. A estación inaugurada este xoves supera en capacidade á que opera no Instituto Leonardo Torres Quevedo de Madrid, e ambas son, polo de agora, as dúas principais instalacións preparadas para establecer conexión co satélite Eagle-1 mediante tecnoloxía cuántica.

PEZA CLAVE DUNHA REDE EUROPEA DE COMUNICACIÓNS ULTRASEGURAS

A nova estación forma parte dunha rede que se está a despregar en Lisboa, Madrid e Barcelona e que, cando o satélite estea no aire —a finais de 2026 ou comezos de 2027—, permitirá crear unha constelación de comunicacións ultraseguras. O conselleiro puxo en valor o papel da Universidade de Vigo neste proceso e o labor do investigador principal do proxecto e director do Vigo Quantum Communication Center, Marcos Curty, así como do resto de investigadores do centro, que, segundo dixo, “contan co apoio da Xunta para seguir desenvolvendo todo o seu talento e capacidades”.

UN TELESCOPIO DE 80 CENTÍMETROS PARA RECIBIR SINAIS DE SATÉLITES CUÁNTICOS

A estación ‘Antonia Ferrín’ conta cun telescopio cun espello de 80 centímetros de diámetro, que se empregará como receptor dos sinais dos satélites de comunicación cuántica que está previsto despregar nos próximos anos, como os das misións Eagle-1 e SAGA da Axencia Espacial Europea. Tras insistir en que estes avances en tecnoloxía cuántica sitúan a Vigo como unha cidade referente nesta materia, Román Rodríguez incidiu en que a nova infraestrutura permitirá conectar coas principais misións europeas e internacionais de satélites cuánticos.

GALICIA REFORZA A SÚA APOSTA POLA TECNOLOXÍA CUÁNTICA

O conselleiro lembrou ademais que, en 2025, se inaugurou a liña de comunicación cuántica máis longa de España, unha autoestrada para a transmisión de datos con esta tecnoloxía de 120 quilómetros entre Santiago e Vigo. Tamén se referiu á recente concesión dun val de innovación especializado en tecnoloxía cuántica liderado por Galicia, no que participarán nove países europeos e que contará cun investimento de 14,3 millóns de euros. Xunto a iso, destacou que o Cesga vén de adquirir un novo computador cuántico que amplía as capacidades do Qmio, e que se están a crear dous laboratorios compartidos entre o Cesga e as universidades de Vigo e Santiago.

PROTEXER “AS COMUNICACIÓNS MÁIS SENSIBLES”

Pola súa banda, Marcos Curty explicou que nestes momentos se está a realizar o despregamento da rede de comunicación cuántica a nivel europeo, a EuroQCI (European Quantum Communication Infrastructure), destinada a protexer “as comunicacións máis sensibles”. Neste marco, indicou que España e Portugal cooperan tamén no desenvolvemento da rede IberianQCI. O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, destacou que “hoxe é un día para celebrar o talento”, que é, ao seu xuízo, o que marca as diferenzas e pode facer que Galicia se sitúe na vangarda do coñecemento, “cun sistema universitario de altísima calidade e con iniciativas como esta”.

ÚLTIMAS

UGT denuncia ante Inspección de Traballo a unha subcontrata de Amazon e Glovo por “coaccións” aos repartidores

A Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo da Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores...

O Álvaro Cunqueiro deu cobertura fisioterapéutica a medio milleiro de pacientes

O servizo de Medicamento Intensivo do hospital vigués Álvaro Cunqueiro cumpriu un ano desde...

Queda visto para sentenza o xuízo contra os catros acusados de introducir 650 quilos de cocaína en Vigo

O xuízo contra 4 acusados de introducir 650 quilos de cocaína, camuflados entre palés...

Caballero ameaza con acudir á Competencia se Iberia sobe os prezos tras recortar frecuencias en Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, trasladou este luns o seu desacordo co recorte...