O PP denunciou este xoves que a ‘narcocasa’ de Fontiñas de Arriba, na parroquia viguesa de Cabral, segue operativa, causando problemas de seguridade na zona, sen que se adoptasen medidas por parte da Subdelegación do Goberno nin do Concello. Ademais, acusou ao subdelegado, Abel Losada, de criticar as denuncias feitas por deputados populares sobre esta situación, atribuíndolles a interferencia nunha suposta operación policial que, segundo sosteñen, foi “inexistente”. Así o trasladaron, en declaracións aos medios, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; a deputada Ana Belén Vázquez Blanco; e a presidenta do PP local, Luisa Sánchez, que visitaron a zona xunto con outros cargos do partido.
Paula Prado sinalou que os veciños desta rúa levan dous anos soportando os problemas procedentes dunha casa ocupada na que, segundo denunciou, se desenvolven actividades de tráfico de drogas e que agora, ademais, tamén se converteu “nunha chatarrería”. A actividade da chamada ‘narcocasa’, engadiu, xera inseguridade, provoca roubos en vivendas e vehículos e fai que a zona “pareza un Estado sen lei”. Segundo lembrou, o PP xa denunciara hai cinco meses o que ocorre con esta casa e con outras ‘narcovivendas’ en Vigo, e lamentou que “parece que só se desaloxan aquelas que molestan á vista ao alcalde, Abel Caballero”.
O PP ESIXE ACTUACIÓN INMEDIATA
Paula Prado reclamou tanto ao rexedor como ao subdelegado do Goberno, Abel Losada, “que exerzan as súas competencias” en materia de seguridade. No caso do subdelegado, ao que cualificou de “monicreque” de Pedro Sánchez e de Abel Caballero, esixiulle tamén que pida desculpas por acusar os deputados do PP de “rebentar” unha actuación policial na casa de Cabral coa súa visita do pasado novembro, unha actuación policial que despois, segundo afirmou, se revelou “inexistente”.
“E ten que pedir desculpas tamén porque hai uns días acusou tamén ao Partido Popular de ser o instigador dun ataque que houbo a unha maquinaria nas obras da N-640, dicindo que tamén os deputados do Partido Popular instigaron ese ataque. Algo absolutamente falso”, engadiu. A secretaria xeral do PPdeG advertiu de que, desde 2018, ano no que Pedro Sánchez chegou ao Goberno, “o índice de criminalidade en Vigo incrementouse un 34 %” e reiterou que Losada ten que “asumir a súa responsabilidade”.
“NON NOS VAN SILENCIAR”
Pola súa banda, a deputada Ana Belén Vázquez tamén censurou o “abandono” da Subdelegación e do Concello respecto da situación desa casa ocupada de Fontiñas, que xa se converteu nunha “narco-chatarrería-casa” cun enganche ilegal á rede eléctrica á vista de todos, e acusou a Abel Losada de tratar de “amordazar” os membros do PP que denunciaron a situación, aludindo a un operativo policial “que era mentira”.
Segundo a deputada popular, Losada utilizou esa “mentira” para “atacar” o traballo dos parlamentarios e advertiu: “Imos seguir dando a cara, non nos van silenciar. É unha vergoña que cada vez vaia peor (…) imos estar aquí as veces que faga falta, xa poden denunciarnos, xa poden meternos medo”. Para Vázquez Blanco, Abel Losada é “un auténtico incompetente en mans do señor Caballero, que está de brazos cruzados”. Mentres facía estas declaracións, un vehículo da Policía Nacional presentouse na zona —onde permaneceu durante a comparecencia dos cargos populares— e a parlamentaria ironizou: “Espero que non esteamos nestes momentos rebentando unha operación policial”.
VECIÑOS CON MEDO E MENORES EN TRATAMENTO PSICOLÓXICO
Finalmente, a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, constatou que os veciños desta parte de Cabral “non puideron recuperar a tranquilidade” desde hai dous anos polos problemas derivados dese “punto negro” de actividade delituosa, e lembrou que viven con “medo” e que incluso hai menores en tratamento psicolóxico.
“O señor Caballero, alcalde de Vigo, non ve que isto é un problema? Ou Abel Losada, subdelegado do Goberno, non ve aquí un problema? Está máis preocupado pola propaganda que pola seguridade dos cidadáns, porque quero lembrar que a última vez que estivemos aquí acusóusenos falsamente de rebentar unha operación policial”, proclamou. Ademais, lembrou que este non é un caso illado, xa que, segundo indicou, hai ‘narcocasas’ tamén noutras zonas da cidade como Navia, Menéndez Pelayo ou Camiño do Chouzo.
Compartir:
- Compartir en Facebook (Se abre en una ventana nueva) Facebook
- Share on X (Se abre en una ventana nueva) X
- Share on LinkedIn (Se abre en una ventana nueva) LinkedIn
- Share on Telegram (Se abre en una ventana nueva) Telegram
- Share on WhatsApp (Se abre en una ventana nueva) WhatsApp
- Share on Mastodon (Se abre en una ventana nueva) Mastodon
- Share on Bluesky (Se abre en una ventana nueva) Bluesky
