O catedrático de Dereito Mercantil Julio Costas Comesaña foi elixido este martes novo valedor da Universidade de Vigo (UVigo) durante a sesión extraordinaria do claustro celebrada en Pontevedra. Segundo recolle o Diario da Universidade (DUVI), a súa candidatura —á que concorreu como único aspirante na segunda rolda— obtivo 66 votos a favor, catro en contra e dúas abstencións. Deste xeito, Costas toma o relevo da catedrática de Dereito Procesual Esther Pillado, á fronte dun órgano encargado de velar polos dereitos e liberdades da comunidade universitaria.
“PROPOSTA DE CONSENSO”
O novo valedor explicou que a súa candidatura responde a unha “proposta de consenso” acadada entre as tres persoas que anunciaron a súa intención de concorrer ás eleccións ao Reitorado previstas para o mes de maio. A figura do valedor actúa como canle independente de mediación e garantía dentro da institución académica, atendendo reclamacións e conflitos que poidan afectar a estudantes, persoal docente e investigador e persoal técnico e de xestión.
REDUCIÓN DO ACOSO SEXUAL
Na mesma sesión do claustro presentouse a segunda ‘Diagnose do acoso sexual e acoso por razóns de sexo na UVigo’, que reflicte unha “redución significativa” dos casos respecto ao estudo realizado en 2018.
Segundo os datos expostos:
-
Entre o persoal docente e investigador, os casos pasan do 7,07 % ao 3,8 %.
-
Entre o estudantado, redúcense do 4 % ao 2,5 %.
-
No caso do persoal técnico e de xestión, mantéñense na contorna do 5,8 %.
A universidade destacou estes resultados como un avance, aínda que subliñou a necesidade de seguir reforzando as políticas de prevención e sensibilización.
