InicioSociedadeO PP de Vigo critica que Samil continúe sen Bandeira Azul mentres...

O PP de Vigo critica que Samil continúe sen Bandeira Azul mentres Caballero asegura que a recuperará no extremo norte

Os populares preguntan que medidas adoptou o goberno local pola calidade da auga e o alcalde volve responsabilizar á Xunta pola situación do río Lagares.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal do PP de Vigo lamentou este venres que a emblemática praia de Samil quede un ano máis sen o distintivo de Bandeira Azul e preguntou ao alcalde que accións ou medidas adoptou o goberno local para recuperala.

A portavoz popular, Luisa Sánchez, lembrou nun comunicado que o ano pasado Samil perdeu ese recoñecemento porque a calidade da auga non alcanzaba o nivel de “excelente”, e cuestionou que fixo o executivo municipal para corrixir esa situación desde entón.

Así, este ano o Concello olívico solicitou o distintivo para os areais de O Mende, A Punta, O Adro, Santa Baia, Carril, Tombo do Gato, Argazada, Fontaíña, O Vao, Canido, Fortiñón e Rodas (nas Illas Cíes); é dicir, os mesmos que xa obtiveron a Bandeira Azul en 2025. En 2024, as praias recoñecidas foran Argazada, Fontaíña, A Punta, Rodas, Canido, Carril, O Adro, Fortiñón, O Vao, Samil, Santa Baia e Tombo do Gato, incluíndo aínda Samil entre os areais distinguidos.

CABALLERO ASEGURA QUE SAMIL TERÁ BANDEIRA AZUL

Pola súa banda, en declaracións remitidas aos medios, o alcalde Abel Caballero asegurou que a praia de Samil contará con Bandeira Azul, aínda que será no seu extremo norte, unha zona que denominou “Samil Dereita”. Trátase da parte máis afastada da desembocadura do río Lagares e que, segundo a web municipal, corresponde á praia de Argazada. O rexedor volveu responsabilizar á Xunta —como xa fixera o ano pasado— da ausencia do distintivo en Samil, ao afirmar que a limpeza do río é competencia autonómica, malia que a normativa e unha sentenza do Supremo atribúen aos concellos o mantemento das canles nos tramos urbanos. “Sucede que a Xunta non coida o río Lagares e, por tanto, non dá a calidade que ten que dar xustamente na desembocadura”, proclamou Caballero, que tamén acusou aos técnicos autonómicos de tomar mostras da auga en días de choiva, que cualificou como “días malos”.

VIGO, A CIDADE CON MÁIS CARREIROS AZUIS

Por outra banda, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), entidade que concede as Bandeiras Azuis e os Carreiros Azuis, recoñeceu este ano 15 rutas na cidade de Vigo —14 propostas polo Concello e unha pola Autoridade Portuaria—, nove máis que no exercicio anterior. Deste xeito, a urbe olívica convértese na cidade con máis Carreiros Azuis. Obtiveron o galardón as rutas Camiñando polo Porto de Vigo, Camiño á Beiramar (Canido-Bouzas), Senda de ribeira do río Lagares, Senda Entre Faros das Illas Cíes, Senda Litoral do Monte da Guía en Teis e a Vía Verde de Vigo. A estas súmanse por primeira vez nove carreiros locais: Candeán, Cabral, Bembrive, Matamá, Beade, Oia, Saiáns, Valadares e Zamáns, ampliando a rede de itinerarios ambientais recoñecidos na cidade.

ÚLTIMAS

O lume de Camos, entre as queimas autorizadas e o conflito dos bombeiros forestais

O incendio forestal declarado o xoves na parroquia de Camos, en Nigrán, comezou cunha...

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...