A cidade de Vigo acollerá este mes o VIII Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión, un foro que reunirá a especialistas de toda España para analizar os últimos avances clínicos e de xestión neste ámbito clave da medicina personalizada. Nesta edición, o encontro poñerá o foco na implementación das unidades de ensaios clínicos de fases I, espazos concibidos para integrar investigación e asistencia sanitaria, facilitar o acceso temperán a terapias innovadoras e garantir a seguridade e calidade dos tratamentos.
O simposio celebrarase os días 19 e 20 de febreiro na sede de Afundación en Vigo, baixo a coordinación científica dos doutores Sergio Vázquez Estévez, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario Lucus Augusti (Lugo), e Martín Emilio Lázaro Quintela, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Segundo informa a organización, o encontro contará con máis de 40 expertos como relatores e moderadores e suma xa máis de 150 profesionais inscritos. “O simposio destaca polo seu enfoque transversal, conectando especialistas de distintas áreas oncolóxicas con representantes da industria farmacéutica e da Administración”, sinalan. O foro está organizado pola Fundación Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur.
ENSAIOS CLÍNICOS E ACCESO TEMPERÁN A TERAPIAS INNOVADORAS
Un dos eixos centrais será a mesa dedicada á implantación de unidades de ensaios clínicos de fases I. Segundo explica o doutor Martín Lázaro, o obxectivo é compartir experiencias, identificar barreiras organizativas e definir modelos eficaces que permitan integrar investigación e asistencia, garantindo tanto a seguridade dos pacientes como o acceso a tratamentos innovadores. Pola súa banda, o doutor Sergio Vázquez subliña que o carácter transversal do foro permitirá reunir a especialistas de distintas áreas tumorais, “identificar puntos de encontro, aprender uns doutros” e avanzar cara a unha oncoloxía de precisión máis coordinada e equitativa.
XENÓMICA, INTELIXENCIA ARTIFICIAL E APOIO Á INVESTIGACIÓN NOVA
O programa inclúe tamén temas considerados crave no presente e futuro da especialidade, como a incorporación da secuenciación xenética desde o diagnóstico inicial do cancro, o uso da intelixencia artificial e a bioinformática como apoio á decisión clínica e á xestión das toxicidades, un desafío crecente nas terapias dirixidas. Durante o simposio celebrarase ademais a sétima edición das Bolsas Javier Casteláns, destinadas a recoñecer e apoiar proxectos de investigación de novos oncólogos. Como destaca o doutor Lázaro, “investir en mozos investigadores é investir no futuro do sistema sanitario e en mellores opcións para os pacientes”.
