Investigadores do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (Cinbio) iniciaron un proxecto “prometedor” para o tratamento da artrose con fármacos que permiten frear a progresión da enfermidade e favorecer a rexeneración. En concreto, o grupo de investigación Cellcom, que leva anos traballando na procura e proba de novas terapias para o tratamento de enfermidades dexenerativas asociadas ao envellecemento, comezou este mes unha iniciativa para desenvolver unha nova aproximación terapéutica para o tratamento da artrose “que vai máis aló do alivio temporal da dor“.
Liderado pola investigadora María Dolores Mayán, o proxecto denomínase Péptidos senoterapéuticos para o tratamento da artrose e conta cunha axuda de máis de 380.000 euros do programa autonómico Ignicia. “A innovación baséase no uso de péptidos terapéuticos deseñados para frear activamente a progresión da enfermidade e favorecer a rexeneración do tecido articular”, explicou a responsable do proxecto, segundo recolle o Diario da Universidade de Vigo (DUVI).
Segundo indica, os resultados preclínicos obtidos demostran que a administración local mediante inxección intraarticular deste tratamento é eficaz para deter o avance da enfermidade e estimular a rexeneración do tecido, mellorando a función articular e a mobilidade sen dor. Esta tecnoloxía, xa protexida mediante patente internacional, ofrece unha intervención farmacolóxica “altamente específica, segura e potencialmente personalizada”. “Os fármacos baseados en péptidos caracterízanse por unha boa tolerancia, baixa toxicidade e mínimos efectos secundarios, ademais de permitir un deseño adaptado a tratamentos localizados e de liberación controlada”, engadiron.
