InicioSociedadeArquivan o caso do dono do restaurante de Vigo que botou a...

Arquivan o caso do dono do restaurante de Vigo que botou a turistas israelís: “Non hai indicios de delito de odio”

O maxistrado ve un simple conflito hostaleiro, critica a falta de colaboración de Israel para identificar aos prexudicados e advirte contra o uso indebido do termo ‘antisemitismo’.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado de instrución 4 de Vigo decretou o sobresemento provisional da causa aberta por un posible delito de odio, por mor dun incidente vivido nun restaurante da cidade, cuxo dono (de orgen libanés), expulsou a un grupo de turistas israelís da terraza do seu local, en xullo pasado. O maxistrado explica no seu auto que, tras examinar o vídeo parcial dos feitos, que foi publicado nunha rede social, e escoitar a declaración, tanto do propietario do restaurante, Samir Slim, como da única testemuña presencial, “o único certo é que, por razóns que se descoñecen, e en apenas un par de minutos, houbo un incidente verbal entre os clientes e o dono do restaurante, polo que nunca é descartable unha motivación secundaria allea a unha intencionalidade de odio a un colectivo“.

Segundo lembra o xuíz, a xurisprudencia esixe que “a acción se dirixa contra unha persoa determinada, sexa por razón da súa pertenza a un determinado colectivo e que a actuación sexa pública”. Neste caso, sinala, “os feitos que se denuncian producíronse no contexto dun conflito pola prestación do servizo de hostalaría”, á vez que engade que “non se achegaron indicios bastantes de que as expresións gravadas tivesen por obxecto promover a hostilidade cara ao pobo xudeu, incitando ao odio ou á realización de actos de violencia contra os seus membros”.

FEITOS QUE NON ENCAIXAN NO DELITO DE ODIO

Por tanto, conclúe que “non consta suficientemente constatado o ánimo consiste na animadversión cara ao colectivo unificado, neste caso, pola súa relixión ou orixe, sobre todo, se atendemos ao concepto de antisemitismo acollido na recomendación número 9 (revisada) de política xeral da Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia (ECRI) sobre a prevención e a loita contra o antisemitismo”. Nese documento, segundo destaca o xuíz no auto, “proponse como definición de antisemitismo certa percepción dos xudeus que pode expresarse como o odio aos xudeus”.

Non entanto, recalca que a ECRI “insiste no perigo de utilizar aquela de forma indebida co propósito de silenciar ou estigmatizar como antisemita a crítica lexítima contra Israel e as súas políticas, en particular respecto do pobo palestino e no contexto da ocupación dos territorios palestinos, pois iso poría en perigo os esforzos por loitar contra o antisemitismo e, por tanto, debería rexeitarse”. Por iso, o xuíz expón que a conduta de Samir Slim, e tendo en conta “o contexto no que se producen os feitos”, “ten difícil encaixe no discurso de odio penalmente punible”.

“FALTA DE COLABORACIÓN” DAS AUTORIDADES DE ISRAEL

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) lembrou que a causa foi aberta a raíz do ateigado co vídeo remitido pola Policía Nacional ao xulgado, “sen a existencia de querela nin denuncia, pois trátase dun delito perseguible de oficio“. Ademais, no auto, o xuíz sinala que non foi posible citar aos prexudicados “por falta de colaboración das autoridades de Israel”. A resolución non é firme, pois cabe presentar recurso.

ÚLTIMAS

A Xunta e o Concello coordinarán actuacións para garantir a seguridade na estación de autobuses

A Xunta de Galicia anunciou que coordinará co Concello de Vigo e coa Delegación...

Obras na presa de Eiras interromperán a subministración de auga na área de Vigo este xoves

Obras na presa de Eiras interromperán a subministración de auga en varios concellos da...

O francés Adrien Loron e a chilena Fernanda Gildemeister, vencedores do MTB Downtown no Marisquiño

Marisquiño 2026 proclamou este domingo os gañadores de todas as competicións da súa XXVI...

Protesta de traballadores do comercio Vigo contra o traballo en festivos: “Esiximos tempo para vivir”

Preto dun centenar de empregados do comercio, convocados por Comisións Obreiras, protestou na mañá...