InicioSociedadeEstas son as prazas aprobadas pola UVigo na súa OPE 2025 para...

Estas son as prazas aprobadas pola UVigo na súa OPE 2025 para persoal docente e investigador e de xestión e administración

O centro traballa na posibilidade de construír unha residencia universitaria na ETEA.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O consello de goberno da Universidade de Vigo (UVigo) aprobou este venres a súa oferta pública de emprego (OPE) de 2025, que propón 72 novas prazas de persoal docente e investigador (PDI) e 12 postos de persoal técnico de xestión e administración de servizos.

Segundo recolle o diario da universidade (DUVI), as cuestións relacionadas coa carreira docente e investigadora protagonizaron o primeiro consello deste curso, nunha longa sesión con “puntos fortes” como a aprobación da OPE 2025 e a convocatoria de diferentes prazas docentes vinculadas ás ofertas de prazas de anos anteriores, así como a aprobación das axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral ou os novos criterios de avaliación da produción e transferencia investigadora.

No referido á OPE, a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez, explicou que se propón a creación de 72 novas prazas potenciais de PDI: unha delas de catedrático, 32 de profesor permanente laboral e outras 39 de profesor titular. A estas 72 prazas de nova convocatoria hai que sumar outras 30 de catedrático de promoción interna, engade o DUVI. No caso de persoal técnico, a xerente Yolanda Lesmes explicou que a oferta está composta por 15 prazas, 12 de acceso libre e tres de promoción interna.

RESIDENCIA

Entre outras cuestións, o reitor, Manuel Reigosa, sinalou que a UVigo traballa na posibilidade de construír unha residencia universitaria na antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA) de Vigo. Reigosa explicou que aínda non se puideron iniciar as actuacións de remodelación nos tres edificios que foron cedidos á Universidade na ETEA (Faraday, Morse e Enfermaría) porque para iso ten que executarse a urbanización do camiño principal, que está pendente de que o Concello firme o convenio acordado con Xunta e Zona Franca.

En relación coa cesión á UVigo do edificio Siemens, onde se localizaría o Centro de Investigacións Mariñas, o reitor avanzou que previsiblemente se fará a través dunha permuta con Zona Franca, xa que o centro académico ten unha parcela na zona. “Por tanto, imos utilizar as boas relacións que temos co Consorcio para quedarnos cun edificio que será de uso investigador, se finalmente faise así, e que ademais nos constrúan unha residencia universitaria”, dixo.

ÚLTIMAS

Abel Caballero celebra a condena a Audasa e reclama a gratuidade da AP-9 tras a sentenza sobre as peaxes de Rande

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou este sábado a sentenza da Audiencia Provincial...

Tres contratistas afrontan xuízo en Vigo por presunta estafa tras cobrar 15.700 euros por unha reforma que non executaron

Tres contratistas serán xulgados este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra,...

Traballadores de Alten mobilízanse en Vigo contra os despedimentos en BorgWarner

Decenas de traballadores de Alten, empresa auxiliar do sector automobilístico que presta servizo en...

A Fiscalía pide dous anos de cárcere para un empresario por falsificar a firma dun traballador falecido

A Fiscalía solicita unha pena de dous anos de prisión para o administrador da...