“Broche de oro para una celebración histórica”. Con este titular comeza un especial de 12 páxinas co que o Grupo Prensa Ibérica, propietario dos xornais Faro de Vigo e La Opinión da Coruña, celebra o seu 40 aniversario. Unha celebración que tivo lugar este martes en Madrid e á que asistiron destacados representantes políticos, sociais e económicos de toda España, coa presenza de ministros, presidentes autonómicos e empresarios.
Entre eles estaba a presidenta do Congreso, Ana Pastor; os ministros de Fomento, Interior, Facenda e Sanidade, José Luis Ábalos, Fernando Grande-Marlaska, María Jesús Montero e María Luisa Carcedo, respectivamente; os presidentes da Generalitat de Valencia, Ximo Puig e de Canarias, Fernando Clavijo; o pesidente do PP, Pablo Casado; ou secretario general de Ciudadanos, José Manuel Villegas.
Tampouco faltou unha nutrida representación de políticos galegos, pero únicamente, de Vigo. Así, no evento estiveron o alcalde da cidade, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o da Autoridade Portuaria, David Regades. Todos eles da dirección do PSdeG vigués. Non acudiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nin ningún dos seus conselleiros, a pesar de que hai unhas semanas tanto el como a maior parte do seu gabinete estiveron nos premios Fernández Latorre, de La Voz de Galicia. Un feito que evidencia os apoios políticos cos que conta un e outro medio en Galicia.
Faro, La Opinión e El Progreso
A este 40 aniversario tamén asistiron o xerente do Faro de Vigo, Pedro Costa, e a directora de La Opinión da Coruña, Carmen Merelas, así como a adxunta á Presidencia do Grupo El Progreso, Blanca de Cora.
Editorial Prensa Ibérica, S.A., é un grupo de prensa autonómica que posúe 18 cabeceiras en todo o Estado. Francisco Javier Moll de Miguel é o presidente deste grupo catalán que tras a crise independentista trasladou a súa sede comercial a Madrid. Aínda que orixinariamente o grupo naceu en Canarias en 1978, o seu verdadeiro impulso terá pois lugar en 1984 ao acudir á poxa de xornais pertencentes ao organismo de Medios de Comunicación Social do Estado e proceder á compra das sociedades xestoras de La Nueva España de Asturias, Levante de Valencia e Información de Alicante. Con este movemento nace Editorial Prensa Ibérica na súa configuración actual, como un grupo familiar de empresas rexionais de comunicación con sede en Barcelona.
En Galicia, destaca a adquisición de Faro de Vigo á familia Lema en 1986. En Baleares, a editoral comprou Diario de Mallorca e Diario de Eivissa. En Cataluña, diversas publicacións integráronse en Prensa Ibérica: Diari de Girona en 1996, Empordà en 2005 e Regió en 2006.
Na actualidade o grupo está amplamente asentado na práctica totalidade de España e conta con 18 cabeceiras diarias, 17 de información xeral e 1 de información deportiva, a máis importante de España fóra de Madrid e Cataluña.