InicioSociedadeJason Derulo arrasa nun Castrelos abarrotado e nunha noite histórica para Vigo

Jason Derulo arrasa nun Castrelos abarrotado e nunha noite histórica para Vigo

O artista estadounidense ofreceu un dos concertos máis vibrantes do verán vigués, nun auditorio popular que volveu demostrar a súa forza de atracción, o seu carácter único e o seu poder de convocatoria.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Domingo 3 de agosto de 2025. Unha noite que Vigo lembrará para sempre. Este día tiña nome propio: Jason Derulo. Mentres o sol caía sobre a cidade e os últimos raios douraban as copas das árbores do parque de Castrelos, que daban sombra a un público que aguantou os máis de 35 graos que se rexistraron hoxe na cidade para ver ao seu ídolo, miles de persoas comenzaban xa a cantar os temas que desexaban que soasen esta noite. Familias enteiras, grupos de adolescentes, parellas novas e tamén veteranos de milleiros de concertos, todos compartían un mesmo obxectivo: ser parte dun concerto especial, dun concerto deses que se gardan na memoria para toda a vida.

Non era para menos. O que alí se estaba preparando era o encontro cunha das figuras máis recoñecidas do pop internacional dos últimos tempos. Jason Derulo, artista multiplatino, fenómeno global nas plataformas dixitais e presenza habitual nas radios de medio mundo, estaba a piques de actuar por primeira vez en Galicia, e facíao nun espazo tan singular como é Castrelos. Un auditorio gratuíto, aberto á cidade e ao mundo, onde o valor cultural e o compromiso institucional coa música conviven coa festa popular e coa accesibilidade para todos os públicos.

Aínda que a maioría dos concertos en Castrelos comezan ás 22.00 horas, este tivo un horario diferente. Ás 23.00 en punto, coma un reloxo perfectamente axustado, saltou ao escenario o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que acendeu ao público ao berro de: “Queríamos a Jason Derulo e Castrelos e conseguímolo!”. Despois do seu discurso, as luces do escenario acendéronse e a música comezou a soar. Durante 10 minutos, o dj de Derulo foi quentando motores para que a iso das 23.10 o artista saíse ante un auditorio que se viu abaixo. En poucos segundos, o público pasou do murmurio da espera á euforia do directo.

UNHA VOZ DELICADA E UN BAILE IMPECABLE

Derulo apareceu acompañado dunha impresionante posta en escena: enormes figuras decorando o escenario, un corpo de bailaríns e bailarinas profesionais que o deu todo, pantallas led con visuais dinámicas e unha lista de temas coidadísima que fixo vibrar cada recuncho do parque. Pero, sen dúbida, se por algo destaca Jason Derulo ademais de pola súa voz, é polo seu baile. A xente estaba agardando os movementos de todo un prodixio, e non defraudou. Semellaba voar sobre o escenario en cada movemento, coma quen leva a música no sangue. Un show total para os sentidos que deixou pegada en todos os corpos e tamén en todos os corazóns.

A primeira canción foi ‘Swalla’ e non quedou dúbida coa súa interpretación de que a noite ía ser memorable. Tamén cos seguintes temas. Con ‘Wiggle’ e ‘Take You Dancing’ quedou claro que o artista estadounidense viña dalo todo. Con movementos áxiles, voz impecable e unha enerxía constante, Derulo converteu Castrelos nunha macrodiscoteca ao aire libre. Non faltaron grandes hits, como ‘Tip Toe’‘Trumpets’‘1-2-3’ ou o irresistible ‘Savage Love’, co que toda a platea coreou ao unísono e bailou coma se fose a última canción da súa vida. E, para sorpresa de moitos, Jason Derulo pediu a todo o mundo poñerse activo para as redes sociais porque interpretou o tema viral ‘Dame un Grrr’ que estao rebentando no Tik Tok. Ademais, o que definiu o concerto foi a conexión co público.

“UNHA NOITE MOI ESPECIAL”

Jason falou, riu, bailou e compartiu confidencias entre canción e canción, insistindo en que “esta é unha noite moi especial para min”. Nunha mestura de inglés e español –por breves momentos–, agredeceu a acollida e amosouse sorprendido pola beleza do lugar e pola entrega das miles de persoas que enchían o auditorio. Os máis afortunados, aqueles que levaban toda a tarde agardando na primeira fila para velo de preto, tiveron a sorte da súa vida. O artista baixou do escenario para darlles a man e mesmo abrazar a algunha rapaza que non sabía nin como reaccionar. E non botou pouco tempo abaixo: practicamente dúas cancións completas.

A calor da noite –tanto no ambiente como no escenario– non fixo máis que aumentar a intensidade dunha actuación que se prolongou durante máis dunha hora e media, sen baixar nunca o ritmo. Houbo momentos máis íntimos, con baladas que fixeron brillar as lanternas dos móbiles, e tamén estoupidos de euforia cando soaron os temas máis bailables. Todo cunha precisión escénica digna dun gran festival internacional, pero nun espazo único que mestura natureza, historia e música en directo. Outro dos momentos clave da noite foi cando Jason Derulo quitou a camiseta. Os berros escoitábanse ata ben arriba da avenida de Castrelos.

O MODELO CASTRELOS: MÚSICA PARA TODOS

A actuación de Derulo foi, tamén, unha nova demostración do éxito do modelo Castrelos: un sistema que permite ao público gozar de concertos de grandes artistas internacionais sen pagar entrada, democratizando o acceso á cultura musical en vivo. Para aqueles que quixeron estar máis preto do artista, tamén houbo a posibilidade de adquirir entradas para o ‘foso’ a un prezo moi módico, unha opción que combina proximidade, comodidade e accesibilidade económica. Este equilibrio entre o gratuíto e o simbólico, entre a festa aberta e o espectáculo profesional, converte Castrelos nun fenómeno cultural que se repite verán tras verán e que forma parte xa da identidade da cidade de Vigo. Así, cada vez máis artistas internacionas –coma Jason Derulo–, súmanse á lista de nomes que pisan este escenario.

O público marchou coa sensación de ter vivido algo irrepetible. Non todos os días se pode dicir que un dos grandes nomes do pop mundial cantou e bailou para ti, sen saír do teu parque, coa lúa por testemuña e o eco das cancións a perderse entre as árbores. O concerto de Jason Derulo en Castrelos non foi só unha cita musical: foi unha celebración do encontro entre culturas, xeracións e formas de entender a música. Unha festa onde o corpo bailou, pero tamén onde se activaron as emocións, as lembranzas e a certeza de que, por unhas horas, Vigo estivo no mapa mundial da música. E iso, para moitos, non ten prezo. Castrelos segue facendo historia.

ÚLTIMAS

Traballadores de Alten mobilízanse en Vigo contra os despedimentos en BorgWarner

Decenas de traballadores de Alten, empresa auxiliar do sector automobilístico que presta servizo en...

A Fiscalía pide dous anos de cárcere para un empresario por falsificar a firma dun traballador falecido

A Fiscalía solicita unha pena de dous anos de prisión para o administrador da...

Audasa deberá devolver parte das peaxes da AP-9 polas obras de Rande

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a Autopistas del Atlántico S.A. (Audasa) a devolver...

Sancionados varios locais de lecer nocturno en Vigo por drogas e permitir fumar

Un dispositivo conxunto formado pola Policía Nacional, a Policía Local e a Inspección de...