InicioSociedadeO exalcalde pedáneo de Bembrive alega prescrición nun novo xuízo por presuntos...

O exalcalde pedáneo de Bembrive alega prescrición nun novo xuízo por presuntos delitos de corrupción

A Fiscalía atribúe ao exalcalde pedáneo e dous responsables dunha empresa construtora a elaboración de facturas mendaces en relación a obras e actuacións que, ou ben non se levaron a cabo por esta empresa, ou ben se facturaron con sobrecusto.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O exalcalde pedáneo da entidade local menor de Bembrive (Vigo), o socialista Roberto Ballesteros, sentouse este luns novamente no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia Provincia de Pontevedra, acusado de varios delitos de corrupción, aínda que tanto a súa defensa como as dos outros tres acusados neste procedemento solicitaron anular a causa por prescrición dos feitos imputados e por outros motivos. 

Ballesteros está actualmente en prisión, cumprindo condena de dous anos e dous meses por prevaricación, falsidade documental e malversación de caudais públicos, os mesmos delitos polos que é acusado neste novo xuízo. Nesta ocasión, a Fiscalía atribúe ao exalcalde pedáneo e dous responsables dunha empresa construtora (hai outro acusado no banco, a iniciativa da acusación particular, que exerce o exvocal do PP na entidade local, Carlos Comesaña), a elaboración de facturas mendaces en relación a obras e actuacións que, ou ben non se levaron a cabo por esta empresa, ou ben se facturaron con sobrecusto. 

Así, segundo o escrito de acusación pública, Roberto Ballesteros, na súa condición de alcalde pedáneo, concertouse entre 2013 e 2015, cos responsables da empresa acusada, para pagar facturas por obras que, en realidade, executara outra empresa. Igualmente, a Fiscalía acusa aos procesados de concertar o pago de obras con sobrecusto. En total, sinala que esta actividade ilícita custou ás arcas da entidade local máis de 38.400 euros. Por estes feitos pide para Ballesteros 4 anos de cárcere e 8 anos de inhabilitación, e para os outros acusados, 3 anos de prisión e 6 anos de inhabilitación; en todos os casos, coa circunstancia atenuante de dilacións indebidas.

CUESTIÓNS PREVIAS

Na primeira xornada, as defensas presentaron, entre outras cuestións previas, a prescrición dos delitos e o argumento de ‘causa xulgada’. Respecto diso, sinalaron que os delitos que se xulgan prescribiron por pasar máis de 5 anos, e apuntaron que os feitos polos que son acusados xa foron xulgados e sentenciados. Por outra banda, cuestionaron a lexitimidade da acusación particular, exercida por un exvogal do PP na entidade local menor, Carlos Comesaña, e recalcaron que Comesaña non é un prexudicado directo dos feitos que se xulgan e que, en todo caso, debería exercerse a acusación popular.

A Fiscalía rexeitou os argumentos dos avogados defensores, e explicou que este novo xuízo débese a facturas e accións diferentes ás xa xulgadas, aínda que sexa por feitos semellantes, xa que a entidade local, baixo o mando de Ballesteros, “actuaba deste xeito delituoso”. Con respecto á prescrición, aclarou que, en caso de delitos cuxas penas vaian de 5 a 10 anos de inhabilitación, o prazo de prescrición é de 10 anos e non de cinco.

Ademais, as defensas tamén pediron a nulidade do proceso ao asegurar que non se declarou en prazo a complexidade da causa, aínda que a Fiscalía subliñou que si se cumpriu a legalidade vixente respecto diso. Finalmente, as acusacións xustificaron a personación de Carlos Comesaña, de quen explicaron que, como vogal da entidade menor, coñeceu as irregularidades e alertou, primeiro á propia entidad local, que “fixo caso omiso”, e logo acudiu á xustiza.

ANTECEDENTES

Roberto Ballesteros xa foi condenado en 2017 a 7 anos de inhabilitación por retirar de forma ilegal as atribucións dos vogais do PP na Xunta Veciñal. En abril de 2021 por condenado a dous anos e 2 meses de cárcere e 7 anos de inhabilitación por falsidade, malversación e prevaricación, polo pago de obras que non se executaron. En 2022, nunha terceira causa, o exalcalde pedáneo aceptou nunha vista de conformidade outros 9 anos de inhabilitación pola adxudicación ‘a dedo’ de varias obras, por valor de case 800.000 euros. Dáse a circunstancia de que o alcalde pedáneo que substituíu a Ballesteros, o tamén socialista Marcos Castro, foi tamén condenado a 12 anos de inhabilitación por prevaricar na subministración de sifra para a Festa da Sidra dos anos 2019 e 2020.

ÚLTIMAS

Cirurxiáns do Álvaro Cunqueiro de Vigo extirpan un tumor de próstata cunha soa incisión por primeira vez no mundo

O Servizo de Urología do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo levou a cabo...

O PP acusa a Caballero de ser “responsable político” das condenas por corrupción que acumulan socialistas vigueses

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, acusou ao alcalde, Abel Caballero, de...

Pleno extraordinario para reclamar 5 millóns á Xunta para a implantación de Medicina na UVigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este mércores a convocatoria dun pleno extraordinario para...

O Concello de Vigo critica a perda dun xulgado de Instrución: “Coloca á cidade nunha situación límite”

O Concello de Vigo criticou este mércores a decisión do Consello de Ministros de...