InicioEconomía195 millóns: o custe do novo contrato entre SERGAS e Povisa

195 millóns: o custe do novo contrato entre SERGAS e Povisa

"Estamos Sergastizando Povisa" di o conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Hospital Ribera Povisa de Vigo finalmente asinaron electronicamente o novo contrato de servizos, por importe de 195 millóns de euros e un período de vixencia de dous anos, para a prestación da asistencia sanitaria especializada na área de Vigo.

Segundo informou o departamento sanitario da Xunta, o obxectivo é prestar asistencia a unha poboación estimada de preto de 116.000 persoas que libremente así o elixe, asignadas aos centros de saúde dos municipios de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que se determinen do municipio de Vigo.

Entre as novidades que incorpora o novo contrato atópase que o Goberno galego realizará os abonos a Povisa en función dos procesos realmente realizados e non per cápita como ata agora, dando cumprimento ás recomendacións do Consello de Contas.

Ademais, contarase cunha unidade de supervisión e control para o seguimento do contrato, “que permitirá á Xunta garantir o perfecto funcionamento do servizo e velar pola calidade asistencial”.

“Na nova carteira de servizos reservaranse as prestacións hospitalarias de maior complexidade para o hospital público Álvaro Cunqueiro, grazas á súa vangarda diagnóstica e tecnolóxica”, reivindicou o Executivo autonómico.

Ademais, Povisa estará obrigada á realización de investimentos en obras para a mellora das instalacións e a adquisición dos equipamentos que resulten necesarios para o correcto desenvolvemento da actividade, destinando a este fin un mínimo dun 3% do importe anual do contrato para asegurar a calidade e a adecuación dos recursos materiais, medios e instalación empregados na prestación dos servizos.

“Así mesmo, Povisa asume a obrigación de aplicar os incrementos retributivos pactados no convenio colectivo. Concretamente, en 2025 debe aplicar unha subida dun 3% para os profesionais da entidade”, sentenciou o Sergas.

 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, defendeu o novo contrato con Povisa anunciado este xoves por un importe de 195 millóns de euros e un período de vixencia de dous anos para a prestación da asistencia sanitaria especializada na área de Vigo e insistiu en que “non é privatizar”.

A preguntas dos medios este venres tras reunirse coa Valedora do Pobo, o titular de Sanidade explicou que o incremento se debe ao proceso “de acordo que se chegou con Povisa” e subliñou que “antes era unha especie de concerto per cápita e agora vaise a pagar por proceso”.

“O Sergas vai pagar exclusivamente polo que se faga alí, cunhas tarifas axustadas, tamén co compromiso de ter un control estrito sobre toda a actividade asistencial, un compromiso tanto en Recursos Humanos como tecnolóxicos e que o hospital estea ben dotado. Iso non é privatizar; estamos ‘Sergastizando’ o que é Povisa”, resolveu.

ÚLTIMAS

Fin á folga en Radioloxía en Vigo: o Sergas acepta sumar un terceiro médico de garda

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e radiólogos de Vigo alcanzaron este xoves un...

Morre apuñalado un home na antiga estación de bus en Vigo

Un home faleceu na tarde deste xoves en Vigo tras ser apuñalado na contorna...

Caballero arremete e eleva a batalla polo Mundial 2030: “A Xunta non quere pagar Balaídos”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu cargar contra a Xunta, asegurando que "non...

Vigo paraliza idea dunha facultade de Medicina tras o preacordo para a docencia descentralizada

A Xunta de Galicia e os reitores das tres universidades galegas acadaron un preacordo...