InicioSociedadeO Pleno aproba a Medalla e os Vigueses Distinguidos coa ausencia do...

O Pleno aproba a Medalla e os Vigueses Distinguidos coa ausencia do BNG, que critica a “farsa absolutista”

O BNG abandonou a sesión como protesta pola "desvalorización" duns premios "secuestrados polo absolutismo sectario" de Abel Caballero.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este xoves nunha sesión extraordinaria a concesión da Medalla da cidade e a designación dos Vigueses Distinguidos, cos votos favorables do PSOE e o PP, e a ausencia do BNG que, tras mostrar o seu respecto pola “ampla maioría” dos galardoados, abandonou a sesión como protesta pola “imposición” da maioría de recoñecementos por parte do goberno local, e pola “desvalorización” duns premios “secuestrados polo absolutismo sectario” de Abel Caballero. O portavoz do goberno local, Carlos López Font, enumerou ás entidades e persoas recoñecidas, pondo en valor as súas traxectorias, contribución social e traballo. Así, recibirán a Medalla da cidade a empresa La Fe Seguros e a Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI).

Mentres, recoñécese como Vigueses Distinguidos aos colexios EEI Villalaura e CEIP A Dobrada; á asociación Alento de dano cerebral; ao CEO de Profand, Enrique García Chillón; á Coral María Auxiliadora; ao Consello Municipal da Muller; ao xornalista Antonio Mínguez; aos bombeiros e policías locais que axudaron en Valencia tras o desastre da DANA; ás nais da Asociación Érguete; ao actor Antonio Durán ‘Morris’; ao ensaísta e poeta Xesús Alonso Montero; aos Multicines Norte; ao que foi presidente do Banco de Alimentos, Iván Martínez (falecido en outubro do ano pasado); á tamén falecida exsecretaria xeral para ou Deporte, Marta Souto; e ao bombeiro Sergio Sanlés, falecido en maio de 2024 en acto de servizo, e que porá nome ao novo parque de bombeiros de Vigo, que se está construíndo en Esturáns.

Na súa intervención, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que, un ano máis, constátase a “grave desvalorización” destes recoñecementos que, incidiu, son na súa maioría “impostos” polo goberno municipal, e reiterou a súa proposta de reformular o regulamento que os regula para que “representen a pluridade da cidade e non o capricho dun único grupo”.

“VETOS SECTARIOS”

Pérez Igrexas denunciou que o PSOE “insiste nos seus vetos sectarios”, en alusión á proposta nacionalista que nomear Vigués Distinguido ao Sárdoma CF, “emblema do deporte feminino”. Segundo o edil do BNG, o clube non foi recoñecido como “castigo” porque esixiu ao Concello igualdade de trato na concesión de axudas. Por outra banda, tamén lamentou que se desatendese a proposta nacionalista de outorgar a Medalla a Sergio Sanlés, cando si se lle concedeu a unha “empresa privada de seguros”. Despois de trasladar o seu “respecto e consideración pola práctica totalidade” de persoas e entidades recoñecidas, os concelleiros do BNG abandonaron o Pleno, para non “participar dunha nova falta de respecto”. “Se queren insistir en reducir os recoñecementos a unha especie de medallas da orde imperial do Caballerismo, fágano sós (…) nós non imos participar nesta farsa absolutista”, resolveu Pérez Igrexas antes de saír do salón xunto aos seus compañeiros de grupo.

Este xesto foi criticado polo portavoz do goberno local, Carlos Font, que censurou ao representante do BNG por “facer un mitin”, e ao que lembrou que “os electores situaron ao BNG 50 puntos por baixo do PSOE” nos comicios locais e “non se pode facer falsa demagoxia”. Igualmente, defendeu que o bombeiro Sergio Sanlés sexa Vigués Distinguido e subliñou que pór o seu nome ao novo parque do servizo é “a máxima honra que se lle pode dar”, unha proposta “do alcalde” que foi aceptada pola súa familia. Finalmente, o portavoz do PP, Miguel Martín, tamén trasladou o seu “respecto e apoio” ás persoas e entidades galardoadas, e subliñou que estes recoñecementos do Concello de Vigo deben ser “premios de todos e para todos, sen distinción”. Non entanto, tamén matizou que se “bota en falta” que os galardóns sexan consensuados e advertiu de que os concelleiros teñen a “responsabilidade” de manter a “institucionalidade” e “apartar o partidismo” dos recoñecementos.

ÚLTIMAS

Caballero non descarta acudir aos tribunais polas sedes do Mundial e afea a Louzán que sexa “o único que non fala”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este xoves que o Concello non descarta acudir...

A Federación Veciñal de Vigo estuda acudir aos tribunais para denunciar o desaloxo “unilateral” da súa sede

A Federación de Asociacións de Veciños 'Eduardo Chao' de Vigo (Favec) decidirá en asemblea...

O BNG leva á Fiscalía o “escándalo” dos Guns N Roses por apreciar catro delitos con penas de 50 anos de cárcere

O BNG de Vigo denunciou ante Fiscalía o "escándalo sen precedentes" do "falso patrocinio...

Investigados o presidente e a comisión das festas de Matamá polo accidente mortal do Saltamontes

O Xulgado de Instrución número 3 de Vigo citou como investigado ao presidente da...