O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ratificou este mércores que para abril –o día 1, segundo está previsto– entrará en vigor o novo contrato do Hospital Ribera Povisa de Vigo. Ademais, nun debate parlamentario coa deputada do BNG Montse Prado, defendeuse das súas críticas e esgrimiu que a este centro sanitario “ninguén vai obrigado”, senón que os seus pacientes poden “elixir libremente” ir ao Álvaro Cunqueiro. Todo iso durante unha interpelación na Cámara autonómica na que a nacionalista denunciou a “estratexia neoliberal” que mantén a Xunta co PP á fronte: “Asaltar o público para engordar as contas de resultados de empresas amigas (…) e fondos de investimentos”.
Neste contexto, Prado lamentou que o Goberno galego empregue a área sanitaria de Vigo como “banco de probas” destas políticas –aludiu tamén ao modelo elixido no seu momento para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro– e preguntou ao conselleiro sobre detalles do próximo contrato de Povisa, porque neste asunto, dixo, levan “a opacidade como bandeira”. En cambio, Antonio Gómez Caamaño considera que todo o relativo ao concerto con Povisa “está máis que explicado e respondido”. Así, lembrou que a finais de 2024 o Consello da Xunta autorizou o novo contrato por 195 millóns para dous anos, que sofre un cambio importante: pasará dun concerto a un contrato de servizos polo cal a Administración autonómica “só paga polos procesos” que efectivamente se realicen e non por cada persoa atendida.
FIRMA “EN PRÓXIMAS SEMANAS”
O novo contrato asinarase “en próximas semanas” tras un proceso negociado que se tivo que prorrogar en diversas ocasións ata que, finalmente, o luns 24 de febreiro, Ribera presentou a súa oferta. Segundo defendeu o conselleiro no Parlamento, terá múltiples “vantaxes”. Neste sentido, á parte de blindar a “aplicación de incrementos retributivos” pactados por convenio, obriga á concesionaria a destinar a obras e equipamento “un mínimo do 3 %” do importe anual do contrato e permitirá acceso á historia clínica electrónica do Sergas (sistema ‘IANUS’). Así mesmo, Gómez Caamaño garantiu que o novo contrato “non condiciona” a atención no Álvaro Cunqueiro, porque “xa está” habilitada a unidade de Maxilofacial –antes, atendíase en Povisa– e “estase preparando” a de Queimados.
MÁIS CRÍTICAS DO BNG
Na réplica, Montse Prado (BNG) cuestionou ese investimento do 3 % para obras porque “o Sergas lle paga” a Ribera “a infraestrutura e, a maiores, a tecnoloxía”. Ademais, a nacionalista queixouse das listas de espera da área sanitaria de Vigo e mencionou o caso dun paciente do hospital de Burela que, segundo denunciou a Plataforma Sanitaria da Mariña, leva máis de cinco anos pendente dunha consulta de Uroloxía. O Sergas alegou que se trata dunha “afección leve”, que o home recibe seguimento desde o seu centro de saúde e que será o médico de familia o que decida se merece ser derivado pola vía rápida para os controis de próstata. O conselleiro, oncólogo de profesión, rexeitou “perder o tempo” en discutir con Prado sobre este asunto.
HELICÓPTERO DO 061 SEN COMBUSTIBLE
A deputada do BNG tamén aproveitou a interpelación para sacar no pleno unha denuncia dos traballadores do helicóptero do 061 con base en Santiago pola falta de combustible para prestar o servizo, aínda que Gómez Caamaño non respondeu. Segundo trasladan fontes do persoal a Europa Press, foi o martes –aínda que “non é a primeira vez”– cando, tras un primeiro servizo, a aeronave tivo que ir ao aeroporto compostelán a encher, algo que houbo que fai noutro “tres ocasións”. Isto supón “unha perda de tempo brutal” para un servizo de urxencias. As mesmas fontes sinalan que se trata dun incumprimento do contrato por parte da adxudicataria (Eliance), xa que establece que o depósito da base “xamais debe estar por baixo dos 2.500 litros”.