O Xulgado do Social número 2 de Vigo ditou unha sentenza pioneira na cidade ao utilizar o sistema de adaptación a lectura fácil, implementado para que as resolucións xudiciais sexan accesibles ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, con dificultades na comprensión lectora. Neste caso, trátase dunha resolución do maxistrado Germán Serrano, que ademais de decano dos xulgados de Vigo é delegado de discapacidade da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
O xuíz fixo uso do servizo de adaptación, que se leva a cabo por técnicos da Federación Galega de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga), co obxectivo de mellorar o acceso á Xustiza das persoas con discapacidade intelectual. O maxistrado recalcou a importancia de que a Administración de Xustiza sexa “inclusiva e comprensible” para todos os cidadáns. Nesta sentenza, do pasado 14 de novembro, o xulgado do Social 2 de Vigo resolve sobre unha demanda presentada por unha persoa cunha discapacidade recoñecida do 72 % contra o Instituto Nacional da Seguridade Social, que lle denegou unha pensión de orfandade, alegando que non estaba incapacitada para traballar.
No fallo, o xuíz resolve que esta persoa ten dereito a percibir a pensión porque entende acreditado que, cando faleceu o seu pai, en 2003, o demandante xa non estaba capacitado para traballar (a súa nai morreu en 2024). Para a súa comprensión, a sentenza está dividida en varias partes, baixo diferentes epígrafes: “que é este documento?, por que presentaches unha demanda no xulgado?, que fixo o xuíz para tomar as súas decisións?, que din todos estes documentos sobre ti?, que explica o xuíz nesta sentenza?, que decisións explica o xuíz?, que pasa se non estás dacordo con esta sentenza?”. Segundo lembrou o TSXG, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) recibiu en xuño pasado o premio para un Cambio Positivo, concedido pola Rede Europea de Consellos de Xustiza (ENJC), pola súa iniciativa para proporcionar resolucións xudiciais en formato de lectura fácil ás persoas con discapacidade.
O ENCJ Award for Positive Change recoñece as mellores prácticas en materia de dixitalización ou de adaptacións para garantir o acceso á Xustiza das persoas vulnerables. A base de datos de acceso público do Centro de Documentación Xudicial (CENDOJ), o órgano técnico do CGPJ encargado da difusión da xurisprudencia, permite desde 2020 a consulta de resolucións xudiciais en formato de lectura fácil. Na conversión, que é validada polo xuíz ou xuíza, verificando a súa resolución coa adaptada para garantir que é xuridicamente correcta, utilízanse palabras sinxelas, frases curtas e mesmo pictogramas.
SENTENZA
Nesta sentenza explícase ao demandante por que o maxistrado considera que si ten dereito a percibir a pensión de orfandade: “Despois de mirar toda a túa información médica o xuíz di que sempre tiveches problemas. O xuíz tamén di que non che deixaron seguir traballando porque non estabas capacitado. Tamén di agora que tes máis problemas. Por exemplo, as amputacións”. Igualmente, expón de forma sinxela e comprensible as decisións que adopta, como establecer o dereito a percibir esa pensión, ou a petición a Fademga para que adapte a sentenza ao modo de “lectura fácil”. “A lectura fácil é unha forma de escribir para que os documentos sexan máis fáciles de entender. O xulgado pediu esta adaptación porque tes dereito a entender a información que afecta á túa vida”, recolle a resolución. Finalmente, tamén se explica que debe facer o demandante se non está de acordo coa sentenza e desexa recorrer en suplicación ante o TSXG. Así, sinala o que é este recurso, o prazo que ten para interpolo e o modo de facelo, e mesmo como funciona o servizo de xustiza gratuíta, por se o necesita.