InicioSociedadeO aforo para presenciar o aceso da árbore de Nadal na Porta...

O aforo para presenciar o aceso da árbore de Nadal na Porta do Sol estará limitado a 7.000 persoas

Instalaranse dúas pantallas para seguilo no Farol de Urzáiz con Colón e na rúa Policarpo Sanz.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, desvelou este martes algúns detalles máis sobre o acto de aceso da iluminación do Nadal, que terá lugar este sábado ás 20.00 horas. Así, limitarase o aforamento de Porta do Sol a 7.000 persoas, e instalaranse dúas pantallas para seguilo. Segundo explicou o rexedor, esas dúas pantallas estarán situadas no Farol de Urzáiz con Colón e na rúa Policarpo Sanz, para que a xente poida seguir o acto sen ter que chegar ata a propia árbore de luces.

Á marxe disto, Caballero sinalou que o Concello conta cun plan de autoprotección para “garantir do acto”, e instalarase un Posto de Mando Avanzado na Casa Galega da Cultura. Ademais da presenza policial e de Protección Civil, haberá un posto de socorro na Porta do Sol e ambulancias en Reconquista, Paseo de Alfonso, Doutor Cadaval e Urzáiz. A partir das 17.00 horas do sábado procederase a pechar o perímetro da ‘zona cero’ do Nadal, no centro da cidade, onde non estará permitido estacionar, e onde se restrinxirá a circulación en varias rúas, habilitándose desvíos. Estas medidas estarán vixentes ata as 23.00 horas aproximadamente.

A OPOSICIÓN CRITICA O PLAN DE TRÁFICO QUE XA NON FUNCIONOU OUTROS ANOS

Así as cousas, os grupos municipais da oposición no Concello de Vigo criticaron que as medidas do plan de tráfico anunciado con motivo da campaña de Nadal son as mesmas doutros anos, e non se introduciron cambios para mellorar, de maneira que volverá repetirse o “caos circulatorio”. Así o trasladou o grupo do PP, que sinalou que este ano se fixo “un curta e pega” de plans de anos anteriores, sen “medidas de calado” e “sen achegar solucións aos problemas máis importantes”, que xorden ante a chegada masiva de visitantes de Portugal e do resto de Galicia en vehículos privados.

Segundo sinalou o edil ‘popular’ Fernando González Abeijón, tampouco axuda o “deficiente” servizo de bus de Vitrasa, que empeorará cos paros anunciados polo persoal en protesta pola falta de acordo para o seu convenio. Abeijón preguntou por que non se habilitan aparcadoiros disuasorios “debidamente sinalizados” nas vías de acceso á cidade, para evitar así a entrada de vehículos ao centro, e habilitar buses lanzadeira “con boas frecuencias”. 

O concelleiro lamentou que os vigueses se verán abocados un ano máis a sufrir “atascos enormes”, aínda que “Caballero negaraos como fai sempre”. Finalmente, o PP tamén cuestionou a eficacia dos distintivos para autorizar o paso de vehículos de veciños empadroados no centro, xa que non soluciona a situación de traballadores ou persoas que teñan praza de garaxe alugada sen estar empadroados nesa zona.

“O MESMO DESEÑO FRACASADO”

Pola súa banda, o BNG tamén criticou que o goberno de Abel Caballero insiste en “o mesmo deseño fracasado” para ordenar o tráfico durante o Nadal, un modelo que “colapsou a cidade” en anos anteriores. O portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, advertiu de que o anunciado plan de tráfico do alcalde non está publicado na web municipal, como o propio rexedor avanzara, pero que, en todo caso, e polas declaracións de Caballero, dedúcese que é o mesmo doutros anos.

O BNG solicitou ao goberno local toda a documentación de “ese presunto plan” e preguntou se se convocou a Xunta Local de Seguridade para coordinar o dispositivo de tráfico e seguridade. Ademais, na próxima comisión informativa reclamarán medidas concretas para evitar que o Nadal de 2024 “volva ser un caos colosal”. Pérez Igrexas afeou ao alcalde que pide priorizar o uso do bus urbano, cando se prevén recortes no servizo, que xa é “estruturalmente insuficiente”.

Así mesmo, criticou que non se aposte por un sistema de aparcadoiros disuasorios e lanzadeiras de bus, ou que non se poña en funcionamento un sistema de preferencia semafórica para facilitar o paso de buses e vehículos de emerxencia. Pérez Igrexas tamén censurou que non haxa medidas para evitar situacións de inseguridade aos peóns nin para evitar a “temeridade ilegal” de que persoas voluntarias exerzan as funcións de control do tráfico.

O concelleiro do BNG preguntou como se vai a garantir o acceso dos servizos de Emerxencias, bombeiros, ambulancias, corpos policiais, etc. ao centro da cidade, e lembrou escenas de anos anteriores, con ambulancias atrapadas no túnel de Beiramar ou bloqueadas por atascos noutros puntos. Por todo iso, apelou á responsabilidade do goberno local para “corrixir estas deficiencias” denunciadas por este grupo e polos propios veciños, para “evitar riscos innecesarios” e garantir a mobilidade, a seguridade, a convivencia e o respecto aos dereitos dos vigueses.

ÚLTIMAS

Caballero reta a Rueda a conseguir “do seu amigo” Luís Montenegro, primeiro ministro luso, o compromiso co AVE en 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este martes en que o Goberno de España...

Un xulgado Social emite a primeira sentenza ditada en Vigo con uso do sistema de adaptación á lectura fácil

O Xulgado do Social número 2 de Vigo ditou unha sentenza pioneira na cidade ao utilizar...

O BNG de Vigo alerta que o goberno local non mantén “o mínimo de bombeiros” na cidade

O BNG de Vigo alertou este martes de que o goberno municipal que preside...

Transportes defende o AVE Vigo-O Porto en 2030 pero avisa: “O Goberno portugués ten que acompañarnos nas datas”

O Goberno de España asegurou este luns que mantén o seu "compromiso" coa liña de AVE Vigo-O...