InicioSociedadeDenuncian a 'falla de neutralidade' do TS por atribuír aos clientes o...

Denuncian a ‘falla de neutralidade’ do TS por atribuír aos clientes o pago do imposto das hipotecas

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) considera “ilóxica e contraria a todas as regras do Dereito Fiscal” a decisión do Pleno Xurisdicional da Sala Terceira do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, que este mércores decidiu por 15 votos contra 13 atribuírlle aos clientes, e non aos bancos, o pagamento do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados nos préstamos hipotecarios.

Esta decisión plenaria considera que é o cliente o interesado ou beneficiado polo outorgamento da hipoteca. Un razoamento que para ACOUGA é “ilóxico e contrario a todas as regras do Dereito Fiscal, xa que cómpre gravar a aquel que se beneficia, e no outorgamento da garantía hipotecaria só se beneficia aquel que presta, non o que recibe”.

O Supremo abandona deste xeito a liña xurisprudencial encetada coa sentenza da súa Sección 2ª do 16 de outubro, que anulou o artigo 69.2 do Regulamento do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados.

Dita sentenza consideraba o devandito artigo incompatible coa Lei deste imposto, que carga ese gravame no caso das escrituras notariais ás persoas que soliciten as escrituras ou que sexan as interesados no seu outorgamento.

Para a Sección 2ª era evidente que os bancos son os interesados neste outorgamento, porque a escritura e a súa posterior inscrición dálles tanto forza executiva como garantía efectiva da suxeición do ben inmóbel hipotecado ao pagamento do préstamo hipotecario.

ACOUGA engade que a este “gravísimo erro de interpretación xurídica engádeselle o moi especial contexto deste caso”, cun presidente da Sala, Luis Díez-Picazo “afectado por causa legal de abstención, ao prestar servizos docentes dous cursos académicos nun centro universitario titularidade da Asociación Española de Banca”.

“Podendo someter ao coñecemento do Pleno os recursos resolvidos o 16 de outubro, preferiu non facelo”, subliñan, e ao abocar ao criterio do plenario os demais recursos de casación pendentes sobre a mesma materia “manifestou claramente a súa falla de neutralidade e, o que aínda é máis grave, a súa despreocupación diante da opinión da cidadanía a respecto desa falla evidente de neutralidade”.

“Coa decisión de onte, este xuízo ha de se estender á maioría do Pleno que adoptou este acordo”, sinala ACOUGA. Para a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios, o ocorrido estes días “causa un enorme dano á reputación do cumio xudicial español, e a desconfianza da cidadanía cara á súa función de unificación xurisprudencial no Estado de Dereito está totalmente xustificada”.

ÚLTIMAS

Condenan ao Concello de Vigo por incumprimentos en materia de riscos laborais e debe indemnizar a 4 funcionarios

O Tribunal de Instancia de Vigo, Sección Social, praza 3, condenou o Concello de...

Caballero denuncia o “mal funcionamento” do transporte escolar en Vigo e reclama máis profesorado

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, lamentou o “mal funcionamento” do transporte escolar este...

O Álvaro Cunqueiro estrea o luns un novo Hospital de Día para reducir ingresos e desconxestionar Urxencias

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo inaugurará o vindeiro luns, día 28 de setembro,...

Unha empresa inmobiliaria de Baiona sofre a ira do desahucio de Maricarmen en Madrid

Unha empresa inmobiliaria de recente creación con sede en Baiona viuse obrigada a emitir...