InicioSociedadeO goberno local matiza que non é obrigatorio levar visibles os cartóns...

O goberno local matiza que non é obrigatorio levar visibles os cartóns de acceso ao centro en Nadal

"A proposta de levalo visible é para evitar retencións individualizadas, nas que si terán que identificarse en caso de ser requiridos pola Policía Local", sinalou a edila de Seguridade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

goberno de Vigo saíu ao paso das críticas pola expedición de cartóns para facilitar o acceso de residentes empadroados no centro da cidade aos seus domicilios durante o Nadal, e matizou que non é obrigatorio levar eses cartóns, que conteñen datos persoais, visibles nos vehículos. Así o explicou a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, nun audio remitido aos medios no que, “ante as dúbidas xeradas”, explicou que o Concello “non facilita ningún dato persoal, senón que as persoas (solicitantes dos cartóns) achéganos voluntariamente”.

Tras sinalar que o Concello se limita a verificar que eses datos son correctos, para comprobar que os solicitantes están empadroados en zonas onde haberá restricións de tráfico, tamén matizou que “en ningún caso” será obrigatorio que os documentos, nos que figuran nomes e apelidos dos solicitantes, dirección e DNI, estean visibles nos cadros de mandos dos vehículos (tal e como sinalara o alcalde, Abel Caballero, cando anunciou a medida).

“A proposta de levalo visible é para evitar retencións individualizadas, nas que si terán que identificarse en caso de ser requiridos pola Policía Local”, sinalou a edila de Seguridade, que tamén lembrou que “estar empadroado no domicilio de residencia habitual é unha obrigación legal establecida en todo o país”. Estas manifestacións prodúcense horas despois de que a asociación de veciños Zona Centro de Vigo anunciase a presentación dunha denuncia ante a Axencia de Protección de Datos polas condicións nas que se estableceu o acceso de residentes aos seus domicilios.

Con todo, engadiu Patricia Rodríguez, o goberno local “tomará en consideración” as “achegas inviduais e colectivas” que está a recibir, para implementar medidas cada ano co fin de “mellorar o bo desenvolvemento do Nadal de Vigo”. Finalmente, a concelleira lamentou que “algúns seguen pretendendo parar o Nadal, cuestionando mesmo medidas que melloran a calidade de vida da cidadanía”.

CRÍTICAS DO PP

Pola súa banda, o grupo municipal do PP reclamou ao goberno local que “rectifique” esta medida, que non prevé o acceso ao centro de traballadores, persoas que teñan citas médicas ou que teñan unha praza de garaxe na zona. “Un ano máis, o Nadal embazado polas chapuzas de Abel Caballero”, constatou o portavoz ‘popular’, Miguel Martín. Segundo sinalou, a medida de expedir cartóns para veciños empadroados no centro xerou “un mar de dúbidas” e de queixas, e criticou que se adoptou “sen previsión algunha”. “Nin planificando con antelación toman boas decisións, e é porque ignoran o resto de opinións, non se reúnen cos afectados, e todo funciona co ‘ordeno e mando’ de Abel Caballero”, sentenciou Martín.

ÚLTIMAS

Piden penas de ata 6 anos de cárcere por unha apropiación indebida de 136.000 euros nunha empresa do Porriño

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá este martes o xuízo contra...

O BNG de Vigo propón un plan de 9,5 millóns de euros para frear os desafiuzamentos na cidade

O BNG de Vigo reclamou ao Concello a posta en marcha dun plan municipal...

A Fiscalía pide cárcere para un taxista e un albanel por senllas agresións sexuais en Vigo

A sala do Penal 3 de Vigo acollerá este mércores o xuízo contra un...

Piden 25 anos de cárcere para un home por acosar e ameazar de morte a xuíces, policías e avogados de Vigo

Un home enfróntase a penas que suman 25 anos de prisión como suposto autor...