InicioSociedadeAcusado do crime de Areal dixo á Garda Civil que a vítima,...

Acusado do crime de Areal dixo á Garda Civil que a vítima, o seu “tío”, lle deixara as súas tarxetas para “gastar”

A Fiscalía pide que sexa condenado a penas que suman 11 anos e medio de prisión

PUBLICADO O

- Advertisement -

O acusado de matar a un profesor xubilado en Vigo, en decembro de 2021, David M.C., explicou á Garda Civil que levaba consigo a documentación da vítima, Benito T.S., porque era o seu “tío afastado” e confioulla mentres se ía de viaxe, incluídas as tarxetas de crédito para que “gastase o diñeiro”.

Esas foron as explicacións dadas polo acusado –xulgado estes días por un tribunal de xurado na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra cun delito de homicidio e un de estafa– aos gardas civís que o pararon nun control o 4 de xaneiro de 2022, unha semana despois de que, segundo el mesmo recoñeceu, matase a Benito golpeándolle a cabeza cunha bóla decorativa de mármore e degolándoo cun coitelo, co que tamén lle infligió máis dunha vintena de feridas.

Ese día, o acusado circulaba pola AP-53 volvendo desde Vigo e conducindo un Audi A6 que comprara usando as tarxetas da vítima. Detrás del, uns amigos viabajan nun Peugeot 306, tamén comprado con cargo á conta do falecido. Todos estiveran pasando varios días na cidade olívica, aloxados nun hotel pago polo acusado (cas tarxetas da vítima), que tamén se facía cargo das comidas, ceas, copas, e outros gastos.

Os axentes déronlles o alto nun control de tráfico á altura de Silleda e, tras identificar a David M.C., comprobaron que non tiña permiso de conducir. Ao inspeccionar o vehículo, atoparon no maleteiro, entre outros efectos, un neceser co DNI de Benito, ademais do seu cartón sanitario, cartóns de crédito e outros documentos. Igualmente, localizaron varios móbiles e tiquets de compra realizadas coas tarxetas da vítima.

Ao preguntar ao acusado, este “dixo primeiro que eran dun tío afastado, que lle deixou todo porque se ía de viaxe e non quería que o molestasen”. “Non nos cadraba o que dicía, nin tampouco os apelidos, e entón argumentou que a documentación era dun bo amigo da súa familia”, explicou un dos axentes na súa declaración como testemuña, na que tamén sinalou que lles “chocou” que alguén puidese deixar a un terceiro eses documentos “e os cartóns do banco para que gastase sen límite algún”.

Ante as sospeitas, un dos axentes da Garda Civil contactou coa Policía Nacional (que confirmou que non había denuncia polo roubo deses documentos) e coa Policía Local de Vigo, que facilitou aos gardas varios teléfonos de Benito T.S. Ao non conseguir contactar co titular deses documentos e ao “estrañarse moito” a súa familia de que puidese deixar os cartóns a outra persoa, os gardas pediron á Policía Local que realizase unha comprobación no domicilio da rúa Areal.

“Ao cabo de media hora chamáronnos para confirmar que entraran ao piso e que había un cadáver con signos de violencia. Foi entón cando procedemos á detención de David”, explicou un dos garda participantes nesa intervención.

Neste xuízo, que comezou o luns, o acusado recoñeceu os feitos recolleitos no escrito de acusación da Fiscalía: na noite do 28 ao 29 de decembro David matou a Benito no piso deste usando unha bóla de mármore e un coitelo, e logo utilizou os seus cartóns para facer comprar, pagar o hotel onde se aloxou cos seus amigos, ir ao Casino de Vigo, comprar tabaco, combustible, e outros efectos, incluídos dous vehículos.

Na súa comparecencia, o acusado eludiu dar explicacións sobre a relación que tiña coa vítima ou de que o coñecía e, ao ser preguntado polo tribunal de xurado acerca dos motivos polos que matou a Benito, limitouse a aseverar: “Non o sei”.

A Fiscalía pide que sexa condenado a penas que suman 11 anos e medio de prisión, unha solicitude coa que se conformou a defensa, polos delitos de homicidio e estafa continuada. As acusacións particulares (exercidas polos irmáns do falecido) elevan a petición a 18 anos de cárcere ao cualificar os feitos como un asasinato con ensañamiento e unha estafa continuada, aínda que, alternativamente aceptan a cualificación de homicidio. A vista continuará este xoves con novas testemuñas e peritos.

ÚLTIMAS

Familias e sindicatos manifestaranse para esixir profesores para alumnos ingresados en Saúde Mental no Cunqueiro: “Non nos queda outra”

Familias de Vigo planean unha manifestación para esixir á Xunta de Galicia profesores para alumnos ingresados...

Un accidente múltiple provoca colas quilométricas na AP-9 á entrada de Vigo

Un accidente múltiple, no que ata catro vehículos víronse implicados, provocou na tarde deste...

Un proxecto da UVigo realiza traballos na ‘raia’ para diminuír o risco de grandes incendios

O proxecto Firepoctep+, liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo),...

Convocada unha manifestación por Resposta Feminista polo 25N en Vigo para que “a vergoña cambie de bando”

Resposta Feminista, unha plataforma nada en Vigo coa vocación de convocar mobilizacións unitarias do...