InicioSociedadeVigo plántalle cara aos invasores franceses: "A nosa unión é dúas palabras:...

Vigo plántalle cara aos invasores franceses: “A nosa unión é dúas palabras: Viva Vigo!”

Con Abel Caballero como pregoeiro, esta fin de semana deu comezo a Reconquista da vila de Vigo, que se prolongará durante dúas semanas cun parón pola Semana Santa. Polo de agora os franceses xa están na urbe olívica, a súa expulsión terá que agardar... "Dende o Berbés, música e valor; dende o Berbés, agarimo e batalla; dende o Berbés, a Reconquista da cidade de Vigo!", proclamou Abel Caballero.

PUBLICADO O

A cidade de Vigo reviviu este sábado unha parte moi importante da súa historia, en especial para os veciños do Berbés. Nunha soleada fin de semana os reloxos da urbe olívica deron marcha atrás e volveron 215 anos atrás, ata o ano de 1809, durante a Guerra de Independencia española, cando os franceses tomaron a cidade e, pensando que sucumbiría, atopáronse coa oposición férrea dos vigueses, un pobo que rematou por expulsalos, converténdose así no primeiro de Europa en facelo. Con todo, e aínda que naquel momento non estiveron tanto tempo, neste 2024 os franceses chegaron a Vigo para quedarse dúas semanas, tendo en conta que a representación da súa chegada xa tivo lugar o sábado, pero que a da súa expulsión non se fará ata o vindeiro venres día 5 de abril, para deixar pasar os actos da Semana Santa.

A representación da chegada das tropas do Primeiro Imperio Francés de Napoleón Bonaparte foi realizada un ano máis por actores profesionais e veciños do Berbés, que o fixeron impecablemente. Ante un público entregado á peza teatral, os berros de ‘fóra gabachos’ foron repetidos polos centos de persoas que enchían a praza. Naquel ano de 1809 os vigueses estaban encabezados polos militares Pablo Morillo e Bernardo González ‘Cachamuíña’. Tras lograr a expulsión dos franceses, o rei Fernando VII outorgoulles en 1810 o título de cidade “fiel, leal e valorosa”. Un Fernando VII ao que os veciños que interpretaban á xente do pobo vitorearon en varias ocasións, rendíndolle lealdade ante os seus gobernadores e pedíndolles que lle fosen fieis e non cedesen ante as presións do exército napoleónico.

Hai que lembrar que os franceses chegaron a Galicia exactamente o 3 de xaneiro de 1809, e non se atoparon apenas con resistencia. O exército inglés dirixido por John Moore embarcábase para Inglaterra, mentres que o exército do Marqués de la Romana agochábase en Ourense. Así, os francesos lograran entrar na Coruña o 18 de xaneiro, en Santiago o día 21, en Pontevedra o 21, en Ferrol o 26 e en Vigo o 31. Tras o ascenso do militar Pablo Morillo a coronel, que soubera gañarse a confianza do exército británico para axudarlle no bloqueo da ría de Vigo, o 28 de marzo os homes de Morillo atacaron as portas de Vigo e, en dúas horas, logaron que os franceses entregasen a cidade. Tras a capitulación, Chalot (o coronel francés), 45 dos seus oficiais e máis de 1.200 soldados quedaron prisioneiros, así como os pertrechos e a tesouraría gala, que ascendía a uns 150.000 francos de ouro. 

Polo momento, a actual cidade de Vigo terá que agardar ata o 5 de abril para que Chalot e os seus homes sexan expulsados, pois a representación deste sábado rematou co alto mando francés brindando cun champán polo sinxelo que lle resultou conquistar Vigo. Con sorna, desprezo e prepotencia, gañouse os berros de ‘fóra, fóra’ do público. Un dos momentos máis destacados da representación foi, precisamente, a chegada dos franceses, a golpe de tambores e de ‘disparos’ de fusil. Os uniformes dos franceses, unha vez máis, estaban tan logrados como o seu desfile de tropas e, realmente, entre os nenos do público houbo máis de un que se asustou pensando que realmente viñan atacar. Para narrar a historia, Tino Baz, que exerceu como o cego que canta o acontecido, estivo espectacular.

E, como xa é costume, o rexedor vigués, Abel Caballero, estivo presente para inaugurar a festa da Reconquista vestido de época. “Estamos no ano do señor de 1809, estamos a revivir o que 215 anos atrás sucedeu aquí mesmo, neste lugar, no Berbés, en Vigo, en aquela cidade que quería ser amante da súa liberdade e que fixo algo que ninguén pensaba en Europa que podería suceder: a primeira derrota dos exércitos de Napoleón“, proclamou Caballero, que engadiu que “tivo que ser en Vigo, aquí, neste lugar, con todos e todas vós unidos durante todos estes días para facer a derrota do invasor francés”. Para o alcalde, “estamos no momento de seguir facendo o que en Vigo, esta grande cidade, sabemos facer: estar xuntos, velar pola nosa liberdade, e decirlle aos invasores que se van atopar con tanta e tanta noble xente desta cidade: pescadores, mariñeiros, campesiños, campesiñas…”. Así, o público comezou a vitorear despois de que Caballero proclamase: “Dende o Berbés, música e valor; dende o Berbés, agarimo e batalla; dende o Berbés, a Reconquista da cidade de Vigo! Por iso a nosa unión é dúas palabras: viva Vigo,viva Vigo e viva Vigo!”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...