O portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada galega Carmela González pediron este xoves á Xunta “medidas reais” para pór fin á “insoportable” sinistralidade laboral que, ao seu xuízo, soporta o naval vigués.
Así o sinalaron tras reunirse cos representantes das federacións de industria da CIG, UGT e Comisións Obreiras (CC.OO.), onde pediron “compromisos” do Goberno galego para actuar ante o aumento dos accidentes laborais nos estaleiros.
Igrexas e González mostraron o seu “total e rotundo” apoio ás reivindicacións dos sindicatos, que tras a morte dun traballados no estaleiro Ría de Vigo, antigo Barreras, volveron urxir medidas por parte das administracións.
“Hai que actuar para garantir a seguridade e a prevención de riscos laborais nun sector tan duro e exposto como a construción e a reparación naval”, subliñou a deputada nacionalista, que criticou o “descontrol” e a falta de datos oficiais sobre a sinistralidade.
Para Igrexas, o modelo produtivo que insiste na precariedade é un “risco” para a seguridade e a saúde dos traballadores, polo que solicitou ao Executivo autonómico unha “actuación enérxica” ante os “reiterados incumprimentos ” da normativa en materia de prevención e seguridade.