InicioSociedadePrisión provisional para o investigado por matar supostamente á súa exmuller en...

Prisión provisional para o investigado por matar supostamente á súa exmuller en Baiona

A maxistrada impúxolle a prohibición de comunicarse por calquera medio e de aproximarse a menos de 500 metros dos seus fillos menores de idade

PUBLICADO O

O xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo acordou este xoves o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza de Anxo R.D., investigado como suposto autor da morte da súa exmuller, Beatriz L.G., cuxo cadáver foi localizado no acceso á súa vivenda de Baiona o domingo pola noite, con varias feridas punzantes no corpo e un forte golpe na cabeza.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), como medida de seguridade e mentres dure a tramitación da causa, a maxistrada impúxolle a prohibición de comunicarse por calquera medio e de aproximarse a menos de 500 metros dos seus fillos menores de idade, do seu domicilio, lugar de estudos ou de calquera outro lugar no que se atopen. O home está investigado por un suposto delito de asasinato ou homicidio, a determinar no marco da instrución xudicial, no ámbito da violencia de xénero.

O home está investigado por un suposto delito de asasinato ou homicidio, a determinar no marco da instrución xudicial, no ámbito da violencia de xénero. Segundo explicou o avogado do investigado, Saúl Vidal, a Fiscalía, ademais do ingreso en prisión e do afastamento dos seus fillos, tamén solicitou que se lle bloqueen as contas e o patrimonio para que poida facer fronte a unha eventual responsabilidade civil, así como que se lle manteña suspendida a patria potestade (medida que xa foi decretada por un xulgado en novembro pasado). Non transcendeu se a xuíza aceptou impor esas medidas que pedía o ministerio público.

O avogado da defensa, pola súa banda, reclamou que se permita o ingreso na enfermaría do centro penal, dado que, segundo os últimos informes forenses (o investigado volveu a ser avaliado este xoves polos médicos do xulgado) “hai risco de autolesión ou suicidio”.

Con todo, o letrado confirmou que o seu patrocinado non prestou declaración, seguiu sen falar (nin sequera con el) e que mesmo rexeitou a posibilidade, que lle ofreceu o xulgado, de declarar por escrito. “Vinlle mellor que onte, ao menor gesticulaba de cando en vez, pero por tres veces tentei falar con el para expor a estratexia de defensa, e nada”, afirmou.

Anxo R.D. foi trasladado este mércores desde os xulgados de Vigo ao hospital Álvaro Cunqueiro para unha avaliación psiquiátrica, xa que os forenses determinaron nese momento que non estaba en condicións de declarar. Horas despois, os médicos do hospital concluíron que non estaba en estado catatónico, que é “consciente da súa contorna”, e que ten “capacidade procesual”, polo que lle deron o alta e este xoves novamente compareceu ante a xuíza, que ordenou o seu ingreso no cárcere.

CRIME E DETENCIÓN

O crime sucedeu a última hora da tarde do pasado domingo, cando Anxo, profesor nun instituto de Redondela, chegou a casa da súa exparella, en Baiona, para entregar aos seus fillos. O corpo da muller apareceu no acceso á vivenda, e presentaba múltiples cortes e picadas, así como, polo menos, un forte golpe na cabeza.

Tras o ataque, o sospeitoso levou aos seus fillos, que presenciaron o ocorrido, a casa do seu pai, onde un dos menores relatou ao avó que o seu proxenitor matara á súa nai. Despois de deixar aos nenos, Anxo marchouse e, horas despois, entregouse na Comisaría de Policía Nacional de Ourense, xa o luns pola mañá.

A autopsia realizada ao corpo de Beatriz desvelou que sufriu numerosos cortes e picadas por todo o corpo (mans, brazos, pernas, tórax e costas), un desas picadas coa profundidade suficiente como para afectarlle ao fígado. Así mesmo, sufriu polo menos un golpe mortal na cabeza.

Os indicios apuntan a que neste ataque utilizáronse polo menos dúas armas: un coitelo de pequenas dimensións que foi localizado xunto ao corpo da muller, e outra arma máis contundente, tipo machada, que non foi atopada.

Segundo informaron fontes da investigación, non constan denuncias previas contra Anxo R.D. por violencia de xénero, aínda que, había un conflito previo coa vítima pola custodia e patria potestade dos fillos. De feito, recentemente un xulgado de Familia retiráralle a patria potestade ao pai, e reducira o réxime de visitas.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...