InicioVigo e contornaVigoVigo Somos Todxs reclama que o Concello priorice “a calidade de vida...

Vigo Somos Todxs reclama que o Concello priorice “a calidade de vida fronte o investimento privado”

A protesta reclamará unha cidade que "escoite, informe e respecte" ao tecido asociativo, sen que a actual maioría absoluta no Concello sirva como un "cheque en branco" outorgado "cada catro anos".

PUBLICADO O

A coordinadora Vigo Somos Todxs, formada por 10 asociacións cidadás viguesas, convoca unha protesta para esixir ao Concello de Vigo que “escoite e respecte” ao movemento asociativo da cidade. Ecoloxistas en Acción Vigo, Gasolineras a 100 Metros e os traballadores de Vitrasa veñen de sumarse recentemente á convocatoria, impulsada dende o comezo por Vigo Histórico, Defensa Parque García Pichel, Os Ninguéns, Vecinos Zona Centro, AVIBE, Bembrive en Pé e Grupos en Loita. Trátanse de colectivos de moi distinta orixe e natureza, que teñen en común o sentirse ignorados polo goberno municipal.

Os traballadores e traballadores de Vitrasa, a empresa que xestiona o transporte público urbano, en palabras do Comité de Empresa, denuncian o “nefasto servizo” que dita empresa está ofrecendo á cidade, que consideran froito en boa parte das condicións laborais ás que se enfrontan os conductores e conductoras. No marco deste conflito con Vitrasa, levan dous anos solicitando á alcaldía, como adxudicadora do servizo, que medie no conflito, pero denuncian non ter resposta.

Por outra banda, Gasolineras a 100 Metros agrupa á veciñanza da rúa Tomás Alonso contra a normativa do Concello que permite a construción de gasolineiras a apenas 4 metros das vivendas e que califican de “obsoleta”. Tamén denuncian que “nin o alcalde nin a concelleira de urbanismo se molestaron en recibirnos”, e que nin sequera “deron sinais de querer subsanar” esta problemática, á vez que reclaman “espazos verdes e non fume baixo as nosas ventás”.

Dende Ecoloxistas en Acción Vigo, por outra banda, destacan que “o Goberno Municipal non atende as demandas cidadás no eido da ecoloxía, da protección do medio natural e da aposta por un modelo de transporte sostible e non contaminante”, respondendo ás “medidas reais” propostas polos colectivos ecoloxistas con “máis arboricidios” e con incumprimentos da Lei do Cambio Climático. Esixen “unha política municipal no que o verde non sexa só propaganda” e na que haxa “canles de participación cidadá real”.

Todas estas asociacións, así como as que impulsaron inicialmente a convocatoria, reclaman un “modelo novo de cidade” que piorice “a calidade de vida fronte o investimento privado”, tendo en conta os desafíos de sustentabilidade e mobilidade que esta enfronta. E denuncian que, fronte a estas reclamacións, o Concello “non negocia e non atende as críticas dos veciños e veciñas da cidade”, impulsando “actuacións unilaterias que afectan o noso día a día e que non son consensuadas, consultadas ou participadas cos milleiros de persoas afectadas”.

De feito, explican tamén que o Goberno Municipal pasa entón a “atacar” ás asociacións, acusando á veciñanza de ser infiltrados doutros partidos políticos. No último pleno municipal a pasada semana viviuse un novo episodio desta confrontación, coa expulsión dos membros de AVIBE do pleno por parte da policía local cando estes pedían “só unha reunión”. Caballero esgrimiu a longa “lista de espera” que ten para non reunirse cos veciños de Beade, a pesar de que si se reuniu cos empresarios hosteleiros que lle solicitaron prolongar o período de encendido das luces de nadal apenas horas despois de que estes realizaran a súa petición.

Por todas estas razóns, os colectivos veciñais mobilizaranse o 5 de febreiro ás 12:00 na Porta do Sol baixo o lema “Vigo Somos Todxs”. A protesta reclamará unha cidade que “escoite, informe e respecte” ao tecido asociativo, sen que a actual maioría absoluta no Concello sirva como un “cheque en branco” outorgado “cada catro anos”.

ÚLTIMAS

Segundo gran concerto de Castrelos 2024: Dani Fernández, o 13 de xullo

O músico español Dani Fernández actuará no auditorio de Castrelos de Vigo o sábado 13 de xullo. Nun audio...

O goberno de Vigo acusa a ecoloxistas de facer “política antivigo” por criticar a “política arboricida” do Concello

O goberno de Vigo acusou a veciños e ecoloxistas de facer "política antivigo" ao...

Dous detidos na desarticulación dun punto negro de venda de drogas en Navia

A Policía Nacional detivo este pasado xoves en Vigo a dous homes tras desarticular un punto negro...

Un camión guindastre choca contra o tendido eléctrico en Mos e provoca retencións e danos nunha vivenda

Un camión guindastre chocou na mañá deste venres contra o tendido eléctrico en Mos...