InicioSociedadeBombeiros do Baixo Miño piden á Xunta "máis persoal" para frear a...

Bombeiros do Baixo Miño piden á Xunta “máis persoal” para frear a lacra dos incendios

Denuncian a "precariedade laboral" do corpo e esixen estabilizar os traballos de prevención máis alá da campaña de verán. "Cando se percibe que o lume está a coller a dianteira, o sistema colapsa".

PUBLICADO O

Os bombeiros forestais da brigada de Viladesuso, no Baixo Miño, dan un novo impulso ás súas demandas e ao seu manifesto a través da ampliación da campaña de sinaturas en Change.org tralo importante apoio recibido por parte de máis de setenta personalidades e asociacións galegas relacionadas co mundo do ecoloxismo, do cinema, literatura, avogacía ou música.

Baixo as firmas de persoas como SES, Luís Tosar, Manuel Rivas ou Antón Losada, os bombeiros do Baixo Miño botaron a andar un manifesto no que analizan en profundidade a problemática que sacode os montes galegos ano tras ano. Piden un “cambio radical do paradigma defensivo-extintivo” de maneira que a Xunta de Galicia empece a traballar “sen demora” na contratación de máis persoal para “efectivizar políticas preventivas que freen esta lacra medioambiental, social e económica”. 

Ata o de agora, máis de setenta personalidades e asociacións galegas se adheriron a este manifesto xunto cos centos de traballadores de reforzo da campaña de verán. Nun comunicado remitido aos medios, os bombeiros indican que “o sistema extintivo, se ben é modestamente efectivo, vese desbordado cos cambios que se están dando na nova tipoloxía de incendios”. Recoñecen, ademais, que non está adaptado ás necesidades actuais e que boa parte do problema se atopa “na precariedade laboral do corpo cando se percibe que o lume está a coller a dianteira e o sistema, consecuentemente, colapsa”. 

MÁIS PREVENCIÓN CARA A UNHA MENOR EXTINCIÓN

Xa que logo, piden ampliar as funcións preventivas nas que están formados moitos dos seus integrantes e traballar en cuestións como a restauración de hábitats degradados, a recuperación en ríos, regatos e seus sistemas de ribeira para evitar inundacións; a eliminación de especies invasoras ou a ampliación de campañas de sensibilización ambiental no eido preventivo. Ao longo do manifesto deixan claro que neste problema non pode haber “atallos”. “A gran materia pendente da Xunta de Galicia é a mudanza do noso abandonado e triste paronama forestal por uns montes máis nosos, por unha xestión e ordenación forestal”, sentenzan.

Ademais, demandan que o Colectivo de Traballador/as de 6 meses sexa recoñecido como profesional esencial, cualificado, formado e experimentado en múltiples campañas de extinción no verán. A isto engaden a conformación dun “corpo estable de prevención o resto do ano”. Outra das liñas de actuación pasan pola implementación de accións silvícolas preventivas reais: “desbroces, queimas prescritas múltiples…”. “Só así, contribuíndo a xerar ecosistemas equilibrados e sans, poderemos poñerlle couto tamén a pandemias coma a Covid, a febre do Nilo e a chegada de máis pragas”, indican.

Por último, o persoal fai referencia no seu manifesto á catástrofe de Pedrogao Grande, en Portugal, como “exemplo perfecto” do que pode acontecer na nosa terra. “Non hai tempo que perder”, sentenzan.  

ÚLTIMAS

O BNG critica que o Concello “bote á rúa sen alternativa” a 10 sobreviventes do incendio de Alfonso X

O BNG de Vigo criticou este martes que o Concello "bote á rúa sen alternativa" a...

O Sergas anuncia a intervención pública do servizo de ambulancias de Vigo, Moaña e Cangas

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou que se iniciaron os trámites para intervir,...

Stellantis deterá parte da súa produción na quenda de noite deste mércores por falta de pezas

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis deterá parte da súa produción na quenda de noite...

O Marisquiño repetirá Samil como localización principal, pero non contará coa proba do Dirt Jump

O festival O Marisquiño repetirá a contorna da praia de Samil de Vigo como localización principal para...