Quen fora un dos grandes dirixentes das correntes críticas do BNG antes de que esta formación chegara á Xunta, Roberto Mera, volverá á política da man do alcalde e candidato desta formación, Xosé Represas, á alcaldía de Ponteareas.
Quen foi líder dos non ascritos, e logo fiel colaborador de Anxo Quintana, ocupará o terceiro posto da candidatura do Bloque para as vindeiras eleccións municipais. O segundo posto será ocupado pola actual concelleira Cristina Fernández Davila, edil de educación, persoal e participación cidadá, quen xa acompañou a Represas nese lugar nas eleccións de 2015.
O BNG conta na actualidade con cinco edís, polo que a presenza de Roberto Mera no terceiro posto supón con toda probabilidade o seu regreso á política activa despois dunha ausencia de case 12 anos. Mera é avogado e politólogo, e foi candidato e portavoz municipal do BNG entre 1995 e 2007, ano no que logrou ser a forza máis votada.
A PIQUES DE SER ALCALDE
Un pacto in extremis entre o PP de González Solla e a UCPA de Nava Castro impediu ao nacionalista ser o alcalde de Ponteareas e supuxo o seu abandono da política para centrarse na súa carreira profesional.
Ademais, naquela etapa, Mera ocupou diferentes responsabilidades comarcais e nacionais no BNG, entre elas membro da Executiva Nacional da formación nacionalista. A súa traxectoria social iniciouna como cofundador en 1990 do Grupo Ecoloxista Adenco, do que foi máximo responsábel até 1995, cando con 23 anos foi elixido concelleiro do BNG en Ponteareas. Na súa traxectoria destaca ter logrado mediante unha querela a inhabilitación do alcalde José Castro e sete edís máis do PP. Foi ademais tenente alcalde no fugaz goberno bipartito do ano 2003. Vencellado durante estas décadas ao movemento veciñal da súa parroquia natal, Arcos, na actualidade é o presidente da súa Casa Cultural e secretario da Comunidade de Montes.
SATISFACCIÓN
Represas amosouse moi satisfeito pola presenza de Mera nun posto de saída. “É unha persoa moi apreciada en Ponteareas e cun recoñecido prestixio político e profesional que aportará ao goberno nos vindeiros catro anos toda a súa indiscutíbel capacidade e experiencia”, asegurou. O actual alcalde sinalou que “a volta de Roberto Mera ao Concello para gobernar non é só unha boa noticia para o BNG, en realidade é unha moi boa noticia para Ponteareas”.
Pola súa banda, Roberto Mera agradeceu a Represas e ao BNG a confianza depositada nel, sinalando que “aceptei o ofrecemento do Alcalde porque creo que estamos nun intre crucial para Ponteareas onde todos debemos arrimar o ombro. Represas fixo un traballo titánico, logrou recuperar economicamente o Concello e agora é fundamental continuar gobernando os vindeiros catro anos para levar adiante a transformación que Ponteareas precisa. Non podemos voltar atrás nin regresar a un pasado de corrupción, despilfarro e abandono que tanto dano causou a Ponteareas”. Roberto Mera contextualizou o seu regreso na situación política actual explicando que “estamos nun momento complicado no que os novos discursos antidemocráticos, do machismo ou do odio nos obrigan a dar un paso ao frente. Por iso decidín tamén asumir esta responsabilidade”.