O alcalde de Vigo, Abel Caballero, calcula que este Nadal ao redor de tres millóns de persones visitaron a cidade olívica. Para o rexedor vigués, o Nadal “converteu a Vigo en referente mundial”.
Nunha entrevista na Cadea Ser recollida por Europa Press, Caballero asegurou que o nivel de ocupación “está a ser unha cousa excepcional” e todo isto, reivindicou, sen gastar “nin un céntimo en publicidade”.
“Hai eventos que se publicitan con centos de millóns de euros e nós facémolo soamente coa nosa capacidade de transmisión”, destacou o alcalde de Vigo.
Do mesmo xeito, asegurou que o Nadal vai máis aló das luces e consegue “o efecto Vigo” e “a marca Vigo”. Sobre isto, explicou que hai estudos de universidades que colocan á marca ‘Vigo’ “á altura de Madrid ou Barcelona”. “É moito máis que o Nadal, senón que funciona todo o ano”, subliñou.
“AUSENCIA DE FINANCIAMENTO” DA XUNTA
Así mesmo, o tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), foi cuestionado polos próximos comicios municipais, que se celebrarán en maio.
Sobre isto, denunciou a “ausencia de financiamento” para os concellos que, na súa opinión, ocorre “de forma especial” en Galicia porque “a Xunta non achega recursos para os concellos”.
Neste contexto, Caballero asegurou que Vigo “dá máis diñeiro á Xunta que a Xunta a Vigo”. Con todo, afirmou que o seu equipo de goberno chega “extraordinariamente fortes” ás próximas eleccións, xa que contan cun proxecto que “apoia o 90% da cidade”.
“Borramos fronteiras ideolóxicas e temos un proxecto Vigo e iso é unha forma de facer municipalismo moi interesante”, reflexionou o rexedor da cidade olívica.
Preguntado sobre se ve posible mellorar a marca de 20 dos 27 concelleiros da corporación cos que conta actualmente, Caballero evitou pronunciarse, aínda que recoñeceu que “é complicado mellorar cando se ten o 68 % do voto”.
Nese momento, aproveitou para reivindicar que non renuncia “a nada” e manifestou que ve “nerviosísimo” ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e mesmo “irascible” no que ten que ver con Vigo.
PEDRO SÁNCHEZ: “UN REFERENTE EN TODO O MUNDO”
Ao longo desta entrevista, Caballero tamén foi cuestionado sobre o papel do presidente do Goberno, o socialista Pedro Sánchez. Para el, ten “un liderado moi forte” e é “un referente en todo o mundo”.
Nesta liña, destacou a súa “capacidade para conseguir acordos nun Parlamento moi fragmentado e moi polorizado”. “Paréceme moi notable”, resumiu para, a continuación, sinalar que fala con frecuencia co presidente do Goberno.
Ademais, afirmou que o Concello de Vigo recibiu “ducias de millóns de euros” do Executivo central, mentres, asegurou, “non recibiu nin un céntimo da Xunta”.
Sobre isto, lamentou que “a cidade máis poboada de Galicia” sexa “marxinada” por Alfonso Rueda. Neste sentido, censurou que o popular “aplique a mesma política de Feijóo”: “Tentar confrontar coa cidade e danar Vigo”.
No lado oposto, exemplificou, atópase Pedro Sánchez, xa que “di que si a todo” o relacionado con Vigo. “Nunca houbo para esta cidade un presidente con tanta achega como Pedro Sánchez”, asegurou.
LÍDER DO PSDEG: “NON TOCA FALAR DISO”
Abel Caballero tamén foi cuestionado sobre o liderado do PSdeG de cara ás eleccións autonómicas, pero limitouse a responder que el en Galicia non atende á política do partido, xa que a delegou ao dirixir a FEMP e “o goberno do concello máis poboado de Galicia”, ademais de estar na Executiva nacional.
“Non toca falar diso. Toca falar de municipais. Non vou facer ningunha opinión sobre o candidato. Se hai primarias, eu votarei; cando saia un candidato, eu apoiareino, pero para apoialo como alcalde de Vigo tenme que demostrar que responde as expectativas desta cidade. En min manda a cidade de Vigo“, insistiu.