A Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) levará a pleno este venres unha moción que defende a eliminación definitiva da fachada franquista da Excolexiata de Cangas.
Non entenden dende esta agrupación política “como podemos continuar a ter simboloxía franquista no casco vello do pobo; unha fachada que homenaxea a Primo de Rivera, o cal fundou, xunto con Ledesma Ramos, a Falange Española de las JONS”.
“O mesmo partido que defendía a ideoloxía fascista, ultranacionalista, militarista e católica entre outras. O concelleiro de Patrimonio pregúntase se alguén quere eses valores expostos na nosa vila”, subliñaron.
“Dende aquí temos que mirar cara a Alemaña e Italia, onde se erradicou, como non podería ser doutra maneira, toda a presenza simbólica referida a Hitler ou a Mussolini, onde os saúdos fascistas son delito mentres que aquí, non só se fan senón que se acompañan do ‘Cara al sol’ diante dun ex-ministro do PP da suposta democracia” engadía Mariano Abalo.
Dende ACE lamentan que o avance de Alemaña e Italia non se dera no Estado Español, na medida en que non houbo “ruptura democrática”, senón “unha mera transición sen reforma algunha do estado franquista” concluía o voceiro de ACE.
A moción pretende dar un prazo improrrogable á Igrexa Católica de 30 días naturais para que proceda á retirada de simboloxía franquista, así como advertir que se nese tempo non se procede á retirada, o Concello de Cangas tomará as accións oportunas e procederá á retirada de toda simboloxía franquista da fachada da Excolexiata de Cangas.