O PSdeG denunciou este mércores a “falta de planificación” do Sergas no ambito sanitario de Redondela, cuxo centro de saúde estivo “case todo o ano” con cinco médicos menos.
Así o manifestou a deputada socialista, Leticia Gallego, que este mércores visitou o centro de saúde xunto coa alcaldesa redondelana, Digna Rivas. Segundo apuntou, a Xunta cubriu esas vacantes “recentemente”, pero “trátase dun mero parche que non ofrece unha solución permanente ao problema”.
Leticia Gallego tamén sinalou que tanto o centro de saúde de Redondela como o de Chapela levan todo o ano sen xefe ou xefa de servizo, e esixiu ao Sergas que cubra esas prazas “canto antes”. Segundo lamentou, ese tipo de situacións tamén se dan noutros municipios da provincia e de Galicia, o que demostra que “a sanidade pública non é unha prioridade para o goberno de Feijóo”.
Por outra banda, a parlamentaria do PSdeG tamén se reuniu con membros da dirección e da Anpa do Colexio de Educación Especial Saladino Cortizo de Vigo, aos que explicou que o seu grupo presentou unha batería de iniciativas na Cámara para instar á Xunta a cubrir “o máis axiña posible” a praza de traballadora social que queda baleira por xubilación da actual profesional.
“A traballadora social do centro é a engrenaxe deste sistema, a que detecta os problemas en primeiro lugar e anticípase para permitir unha saída ordenada aos mesmos, evitando o sufrimento ao alumnado”, sinalou Leticia Galego.