Uns 1.800 galegos militantes e simpatizantes de Esquerda Unida (EU) están chamados a participar no proceso aberto ata este domingo para renovar os órganos de dirección de Esquerda Unida (EU) e os documentos políticos de cara á XII Asemblea Federal.
O secretario de Organización de EU, Rubén Pérez, estivo este sábado no local da formación na Porta do Sol, en Vigo, onde se desenvolve de maneira presencial ao longo do fin de semana un proceso de votación cuxa fase ‘en liña’ arrincou xa o pasado luns.
Na comarca viguesa, tal e como explicou Pérez en declaracións aos medios, participan “aproximadamente 400 persoas” que podían depositar o seu voto ben a través de Internet ou ben en urna nas correspondentes sedes ata este domingo.
Como ocorreu noutros procesos congresuais, o nivel de participación das persoas con dereito ao voto está en función do seu grao de militancia. Así, quen é simpatizante pode votar tanto o Informe de Xestión 2016-2020, como os documentos políticos presentados á XII Asemblea Federal.
Doutro xeito, os afiliados poden exercer o seu dereito ao voto tanto sobre o Informe de Xestión e os documentos políticos, como sobre os Estatutos e as dúas candidaturas formalizadas para renovar os órganos federais de dirección para o próximos catro anos: a que encabeza o actual líder e ministro de Consumo, Alberto Garzón; e a de José Antonio García Rubio, exresponsable económico da formación durante a etapa de Cayo Lara.
A XII Asemblea Federal culminará os días 26 e 27 de marzo en Madrid co peche do encontro máis importante que celebra EU cada catro anos. Este congreso celébrase nestas datas despois de ser aprazado en dúas ocasións pola pandemia do coronavirus.