InicioPolíticaACE e PSOE negocian co resto da esquerda o apoio a Portas...

ACE e PSOE negocian co resto da esquerda o apoio a Portas como nova alcaldesa de Cangas

A corrente de Mariano Abalo móstrase disposta a renunciar a unha acta para que entre unha concelleira de Esquerda Unida.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O pleno da corporación municipal de Cangas reúnese este sábado para votar á persoa que sucederá na Alcaldía a Xosé Manuel Pazos, recentemente falecido e, se non hai cambio de última hora, a nova rexedora será Victoria Portas, número dous da lista de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE).

Tras días de tensión no seo de ACE (que goberna en coalición co PSOE), as dúas ‘sensibilidades’ do grupo municipal (Esquerda Unida-EU e a corrente de Mariano Abalo) acordaron que presentarán a Victoria Portas como aspirante á Alcaldía.

No entanto, ese acordo, fraguado nas últimas horas, está vinculado a que Mariano Abalo cumpra o compromiso de facilitar a entrada de Lucía Carballo, de EU, na Corporación canguesa. Esa entrada restablecería o equilibrio no seo de ACE, entre EU e os afíns a Abalo.

De feito, o pano de fondo dos desencontros en Alternativa Canguesa de Esquerdas é un suposto incumprimento do pacto que configurou o grupo municipal, e que establecía que ACE, con 4 concelleiros electos, mantería un equilibrio entre as diferentes sensibilidades. Neste caso, e tras a dimisión do número catro da lista, esa equidade sustentábase sobre dous edís de Esquerda Unida (Xosé Manuel Pazos e Aurora Prieto) e dous elixidos por Mariano Abalo (el mesmo e Victoria Portas).

Tras o falecemento do alcalde, para restablecer ese equilibrio, deberá renunciar á súa acta Adrián Pena, afín a Abalo e que prevé tomar posesión como concelleiro no pleno deste sábado (no que tamén tomará posesión unha nova edila socialista).

Aínda que EU reclamaba que esa renuncia fose previa, finalmente Pena tomará posesión para que ACE non quede cun voto menos na sesión e garantir así a Alcaldía. Se non hai cambios de última hora, Adrián Pena renunciará á súa acta o vindeiro luns, para que entre na Corporación Lucía Carballo.

Así as cousas, ACE e PSOE (que ten outros catro concelleiros, aínda que obtivo algúns votos menos) convocaron un encontro este sábado co resto de grupos da esquerda (BNG, con 3 edís, e Avante con outros 3 concelleiros) para asegurar o apoio a Victoria Portas e impedir que o PP, que foi o partido máis votado nas municipais, con 7 representantes, se faga co goberno de Cangas.

VOTACIÓN

Victoria Portas necesita 11 votos para que ACE manteña a Alcaldía de Cangas. En principio, contará cos votos de ACE e PSOE, cuxos responsables xa adiantaran que outorgarían o seu apoio á candidatura que presentase o grupo dos falecido Pazos, como lista de esquerdas máis votada nos comicios locais.

O BNG, pola súa banda, chamou á responsabilidade ao longo dos últimos días e afeou o “lamentable espectáculo” do grupo maioritario tras a morte do alcalde. En todo caso, os nacionalistas aprobaron en asemblea apoiar a candidatura que presente ACE, como lista de esquerdas máis votada.

A posición de Avante non se despexará ata última hora deste venres, xa que prevé celebrar unha asemblea para decidir que fará no pleno do sábado. Esta formación tamén criticou o “espectáculo bochornoso” en ACE e pediu “que se poñan de acordo” e presenten un aspirante á alcaldía antes de reclamar os seus votos.

Agora que, se nada se torce, parece que hai consenso sobre a candidata de ACE á alcaldía, está por ver o voto de Avante no pleno. No entanto, se se cumpren os prognósticos e poden votar todos os edís do resto de formacións de esquerdas, o voto deste grupo non sería decisivo.

ÚLTIMAS

Visible dende Vigo o incendio nun barco do Gran Sol varato preto dun estaleiro de Meira

Os Bombeiros do Morrazo continúan traballando este domingo para extinguir un incendio declarado nun barco do...

Papá Noel toma un ano máis as rúas de Vigo en moto

Miles de papanoeles en moto déronse cita, un ano máis, este sábado para percorrer...

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Un vigués entre os 11 detidos por facer grafitis en trens de Cataluña

Unha operación conxunta entre Policía Nacional, Mossos d'Esquadra e Garda Urbana de Barcelona (GUB)...