O grupo municipal do PP no Concello de Vigo tachou de “cacicada” a prórroga da concesión do servizo de saneamento e abastecemento a Aqualia, e censurou que o goberno local non deu conta do destino dos investimentos que debía facer a empresa.
Nunha rolda de prensa, o portavoz ‘popular’, Alfonso Marnotes, lembrou que esta segunda prórroga do contrato (a anterior foi aprobada en 2010 polo goberno de Abel Caballero, cinco anos antes da finalización da concesión e a cambio de 30 millóns en investimentos na cidade) fíxose “en 9 días”, nunha Xunta de Goberno “convocada a última hora, do último día” e “en segredo”. “Que se esconde aquí?“, cuestionou.
Por outra banda, lembrou que a empresa ingresa cada ano uns 40 millóns de euros dos recibos que pagan os vigueses, e lembrou que o goberno local non deu explicacións sobre “a que se destina” ese diñeiro.
Segundo incidiu Marnotes, o alcalde debería, xa antes de que expirase o tempo da primeira prórroga, “explicar que se fixo, que investimentos”, tendo en conta que os vigueses “pagan a auga máis cara de Galicia”, e ten un servizo deficiente, con parte da rede sen separación de pluviais, e cunha estación potabilizadora “obsoleta”.
Finalmente, o portavoz do PP afeou ao rexedor que, en lugar de cumprir o seu compromiso de facer un novo prego, para modernizar o servizo e adaptalo aos tempos actuais (o contrato en vigor data de 1990), “bota a culpa á Xunta” de que o recibo se encareza e da prórroga. “Hai que ser canalla”, sentenciou.