InicioPolíticaCaballero pide aumentar as PCR en Vigo e confirma varios positivos en...

Caballero pide aumentar as PCR en Vigo e confirma varios positivos en servizos municipais

Aplaude o decreto do estado de alarma e recalca que "é momento de tomar decisións" por parte da Xunta.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, emprazou este luns á Xunta a que “tome decisións” na área sanitaria viguesa, e confirmou que se detectaron varios casos positivos entre traballadores municipais, entre eles dous bombeiros.

O rexedor volveu lamentar que segue sen ter datos concretos do número de casos de COVID-19 na cidade, e subliñou que, en todo caso, acatará as indicacións das autoridades sanitarias, tanto do Ministerio de Sanidade como da Xunta.

Respecto diso, valorou a decisión do Goberno central de decretar o estado de alarma para amparar legalmente as restricións de mobilidade durante a noite. “Paréceme unha posición adecuada”, sinalou, e apuntou que “é momento de tomar decisións”, polo que emprazou á Xunta “a que as tome” na área sanitaria viguesa.

Así, o rexedor pediu que se aumente na medida do posible o número de probas PCR que se realizan, e que se tomen outras decisións “no ámbito sanitario”.

Segundo os datos feitos públicos este luns pola Consellería de Sanidade, en Vigo hai 1.243 casos activos de COVID (101 contaxios novos detectados nas últimas 24 horas), con 64 pacientes hospitalizados, 7 deles en unidades de coidados intensivos.

CONTAXIOS EN SERVIZOS MUNICIPAIS

Por outra banda, Abel Caballero confirmou que se detectaron dous casos positivos no parque de bombeiros e asegurou que se realizaron probas PCR a todos os compañeiros dos afectados (aínda que o sindicato CIG denunciou que non foi así inicialmente, e que se obrigou aos contactos a manterse no seu posto de garda) e que se illou sete funcionarios.

O alcalde afirmou que os efectivos foron substituídos e que o servizo se desenvolveu con normalidade, e co número de bombeiros “que requiren as normas da cidade”.

Por outra banda, tamén confirmou que se detectou un caso na área de Patrimonio Histórico e que se illaron dous contactos; un positivo nunha persoa traballadora externa da biblioteca Neira Vilas, e illáronse tres contactos; e un positivo que tivo contacto cunha aula da Escola Infantil de Navia, e pechouse esa aula.

ÚLTIMAS

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...

A Xunta e Vicus Gallaecia analizan os retos da mobilidade e urxen un calendario para o AVE Vigo-Porto

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este luns nun encontro...