O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento este mércores á mobilización do voto progresista no “sprint final” da campaña electoral e a “non dar ningunha batalla por perdida”.
Así o trasladou nun mitin celebrado en Vigo, e no que contou co respaldo do ministro de Sanidade, Salvador Illa; o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero; e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
G. Caballero volveu a apelar ao voto daqueles que, segundo as enquisas aínda non saben a que partido van apoiar o próximo 12 de xullo, e insistiu en que “cada día que pasa o PP perde votos, está máis débil e ten máis medo”. “Nós estamos preparados, coas pilas postas, para levar a Galicia a unha etapa de progreso”, proclamou.
Segundo advertiu, os días que quedan de campaña “son vitais” e “non hai que dar ningunha batalla por perdida” porque os socialistas son “máis” e Galicia é a súa “causa”. “Se os que queremos unha Galicia mellor acudimos a votar, haberá unha vitoria socialista contundente”, sentenciou.
O candidato, que criticou unha vez máis os 11 anos de “recortes” do PP de Feijóo nos servizos públicos, subliñou que, no escenario postcovid, o que Galicia necesita é “máis sanidade pública, e máis estado de benestar”. “Vou traballar para os galegos con vocación pública e con interese de servizo a Galicia”, prometeu, á vez que eloxiou a actuación do Goberno central nos últimos meses por “pór a saúde por diante”, fronte ao “acoso e derriba da dereita e a ultradereita”.
Por outra banda, Gonzalo Caballero volveu a censurar a xestión da Xunta no rebrote de contaxios en Mariña e insistiu en esixir a Feijóo que compareza para explicar “por que non tomou medidas antes e que está a facer”.
Finalmente, o líder do PSdeG exemplificou en Vigo a necesidade de que o goberno de Galicia vaia da man das ciudadades, e prometeu, se logra a presidencia da Xunta, atender as necesidades sanitarias da urbe olívica (novos centros de saúde ou gratuidade do aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro) e a tamén a outras demandas, como a candidatura para que Cíes sexa designada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
“ALIÑAR” AS POLÍTICAS DE GALICIA E ESPAÑA
Pola súa banda, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, defendeu a preparación de Gonzalo Caballero, de quen resaltou que ten “enerxía” e “ambición”, e subliñou que, co socialista na Xunta, poderán “aliñarse” as políticas de Galicia coas do goberno de Pedro Sánchez.
“En Galicia hai unha maioría progresista, o que temos que facer é mobilizala”, proclamou o ministro, quen incidiu en que “é a hora do cambio”, como reza a lema electoral do PSdeG. “Convenzamos á xente de ir votar, para pór a Galicia á fronte dos tempos que veñen“, engadiu.