Podemos e Izquierda Unida asinaban hai uns días un acordo para que nas vindeiras eleccións municipais nas papeletas figuren as súas siglas políticas, ademais das da organización ecoloxista Equo. Deste xeito, daban por finiquitada as numerosas mareas municipalistas que se presentaron nas eleccións do 2015. Entre elas, Marea de Vigo.
Tanto Podemos como Izquierda Unidade deixaban claro que, dese acordo, quedaban excluidas aquelas “mareas consolidadas”, é dicir, as que gobernan en Galicia; Marea Atlántica na Coruña, Ferrol en Común en Ferrol e Compostela Aberta en Santiago, pero non aludían en ningún momento á Marea de Vigo.
Un feito que tratou de enmendar o voceiro desta formación e tamén secretario de Organización de Esquerda Unida en Galicia, Rubén Pérez. Nunha rolda de prensa este luns en Santiago, destacaba a importancia de “non emendar” ás mareas municipalistas xa “consolidadas”. “Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ferrol en Común e Marea de Vigo son espazos independentes cos que temos que ter unha relación de traballo para construír un suxeito”, sinalaba.
AS EXCEPCIÓNS
Compostela Aberta, Marea Atlántica e Ferrol en Común eran as únicas excepcións que Podemos dixo que faría nese acordo. Pero, curiosamente, Rubén Pérez incluíu Marea de Vigo, na que quere repetir como candidato, pero non Lugonovo, Marea Pontevedra ou Ourense en Común.
Por iso, pola tarde, era enmendado pola líder de Podemos en Galicia, Carmen Santos, que avisou que o pacto asinado en Madrid polo partido morado canda Izquierda Unida e Equo só deixa autonomía ao que chaman “marcas consolidadas” pero, suliñou “con responsabilidades de goberno” en Galicia, é dicir, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común. O resto terían que reincorporar as siglas de Podemos ou IU.
Con esta decisión, Podemos e os seus aliados cuestionan, por exemplo, iniciativas como a Marea de Vigo, que non goberna pero si é marca consolidada. E, de prenentarse aos comicios municipais debería levar asociada a marca Podemos e IU. Deste Marea de Vigo tería que ser algo así como unha ensalada de siglas do tipo Marea de Vigo-Podemos-Izquierda Unida. Tamén o resto de mareas das grandes cidades, con proxectos tan asentados como Marea de Vigo, Ourense en Común, Marea Pontevedra ou Lugonovo (con representación nos consistorios pero fóra dos gobernos) terían que incluír esas marcas no seu nome.
Podemos Galicia anunciou xa que celebrará primarias a finais deste ano para escoller as súas listas de candidatos para cada municipio. A continuación, estas terían que ser incluídas nas candidaturas de confluencia, ben a través de “acordos” ou pola celebración dunhas novas primarias para as listas definitivas nas que concorrerían o resto de forzas.
16.000 votos
Marea de Vigo presentouse nas municipais de 2015 despois dun proceso de primarias. Rubén Pérez, membro de Esquerda Unida foi candidato da Marea que estaba apoiada por Esquerda Unida e Anova, Equo ou Piratas de Galicia, pero non por Podemos. Acadou o 11,5% dos votos e máis de 16.000 votos