O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a “deixar a política de confrontación” co Goberno central e lembroulle que Galicia ten “plenas competencias” en materia industrial.
En declaracións aos medios durante unha visita á feira Conxemar de Vigo e ante a intención de Endesa de acelerar o peche da súa central térmicas das Pontes, Gonzalo Caballero pediu a Feijóo e ao conselleiro de Economía, Francisco Conde que se “involucren” coa industria galega e “non se poñan de perfil”.
Sobre esta cuestión, o xefe de filas dos socialistas galegos lembrou que o Estatuto de Autonomía de Galicia dá “plenas competencias” á Xunta de Galicia polo que teñen “altas responsabilidades” en materia industrial.
“Cando hai dificultades industriais, a Xunta de Galicia ten que impulsar e non permitir ningún tipo de retroceso”, sinalou o socialista, que emprazou a Feijóo a “deixar a política de confrontación” e “porse a traballar á beira do Goberno de España, dos traballadores, de todo o sector industrial para liquidar os problemas que hai”.
BARRERAS
Na súa intervención, Gonzalo Caballero tamén se referiu a a situación do estaleiro Barreras. Así, lembrou que cada vez que Feijóo viaxaba a México prometía “moitos investimentos en Galicia” en referencia á construción de distintas embarcacións nestas instalacións.
“Facía unha propaganda e un botafumeiro que logo non se cumpría”, sinalou nunhas declaracións nas que tamén aludiu ás “dúbidas” que, segundo indicou, existen sobre “actitudes e comportamentos” dentro da petroleira mexicana Pemex.
“Agora hai un problema real na industria de Vigo, no estaleiro de Barreras, que mostra o erro na estratexia e falta de planificación de Feijóo, que parece que cos seus amigos alcanza grandes acordos para vender fume que non se concreta en avances para Galicia”, manifestou.
Por todo iso e tras os últimos acontecementos no estaleiro, considerou que se debe”resetear” a situación industrial do estaleiro, “en contacto con Pemex e as novas autoridades mexicanas para conseguir” solucionar o problema.
CONXEMAR
O secretario xeral do PSdeG fixo estas declaracións durante a súa visita á feira de Conxemar, evento que, conforme sinalou, “contará con todo o respaldo dun goberno socialista á fronte da Xunta” para que “siga sendo punteiro”.
Ademais, trasladou tamén todo o “respaldo” dos socialistas galegos ao sector pesqueiro. “Galicia e Vigo, son capital mundial da pesca, somos mar, somos referencia internacional en actividade pesqueira”, destacou.