O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, respondeu a carta que lle enviou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a principios do mes do agosto, na que o rexedor esixía unha serie de actuacións á Administración galega como condición para restablecer o diálogo interinstitucional. Na súa resposta, o presidente galego lamentou que o rexedor busque “permanentemente” motivos de confrontación, “falsos agravios” e manteña unha “batalla política” que pode ter réditos electorais, pero “non lle vale para nada aos vigueses”.
Na resposta de Núñez Feijóo ao alcalde de Vigo, o presidente da Xunta volveu defender o “compromiso” do seu goberno coa cidade, e estimou nuns mil millóns de euros os investimentos realizados na urbe olívica ao longo da última década. “Creo que sería un bo comezo recoñecer ese esforzo e os seus resultados, para poder afrontar o futuro cun diagnóstico certo e completo, en lugar de insistir en trasladar unha percepción do trato da administración autonómica cara a Vigo que, como se pode ver, non se corresponde en absoluto coa realidade”, reza a carta.
“Non me parece xustificada a procura permanente de falsos agravios ou polémicas que nin teñen fundamento nin se apoian na veracidade”, sinalou o presidente galego, que tamén lamentou o “bloqueo” do goberno de Abel Caballero a iniciativas autonómicas, como a sinalización do Camiño de Santiago polo termo municipal de Vigo, ou o seu desmarque do transporte metropolitano.
Ademais, Feijóo sinalou que a carta remitida polo alcalde “parece escrita para continuar unha batalla política” na que el, como presidente da Xunta, non vai participar. “Os dous sabemos perfectamente que obedece a unha estratexia partidista e non a unha realidade xustificada”, apunta na súa resposta.
“A Xunta vai seguir traballando polos vigueses, e iso inclúeo a vostede tamén (…) Vigo debería estar por diante. Para min, por suposto, xa o está”, conclúe a carta.
PETICIÓN DE CABALLERO
Con respecto ás peticións que Abel Caballero expuña ao Goberno autonómico, a carta de Feijóo dá resposta a cada unha delas.
Así, rexeita retirar a candidatura de Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade, porque é “a única” que existe; rexeita retirar o contencioso sobre a constitución da área Metropolitana porque o Concello incumpriu o convenio do transporte e mesmo instou o goberno galego a acudir aos tribunais para dirimir as diferenzas; cuestiona a transferencia da conca do Lagares e lembra que, no seu tramo urbano, a limpeza e mantemento do río xa é responsabilidade municipal; reivindica os investimentos en educación, cultura, infraestruturas sanitarias ou emprego; e volve rexeitar a participación nas obras de reforma de Balaídos.
Por outra banda, o Goberno galego ofrécese a cooperar co Concello para mellorar a rede de abastecemento; volve lembrar que a construción dun IES en Navia só depende de que o Concello ceda os terreos; mantén o seu compromiso de reformar as pistas de atletismo (se se supera a dificultade da PXOM anulado); ofrece colaboración nun proxecto de reforma “respectuoso coa contorna patrimonial” en Gran Vía; ou lembra que o maior proxecto de FP, o Campus no que ían participar Xunta e Zona Franca, non saíu adiante pola retirada do organismo estatal (cando se puxo á fronte o socialista David Regades).
CORINA PORRO
O contido desta carta de Feijóo foi dado a coñecer este martes, nun almorzo informativo con medios, pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro.
Porro debullou os principais investimentos autonómicos na cidade nos últimos anos (novo hospital, obras en colexios, achega á nova depuradora, axudas á pesca e a automoción, albergue de peregrinos, sede da Universidade no Casco Vello, estación intermodal, ampliación do Ifevi, etc.) e sinalou que, actualmente, están a executarse ou en fase de executarse proximamente, proxectos por máis de 100 millóns de euros.
A delegada e exalcaldesa da cidade lamentou que, desde que chegou ao seu último cargo político, percibiu que o goberno municipal busca un modelo de “sociedade pechada” e “sustentada no vitimismo”. Ademais, criticou, o alcalde “trata de lexitimarse no poder como un líder redentor” cun relato político baseado en “falsidades”.
“O diálogo e o consenso sempre foron as armas usadas por Vigo…ata agora”, proclamou, e advertiu de que a cidade “non necesita hiperliderazgos e esaxeracións”, á vez que avisou de que, como delegada da Xunta, non vai deixar ” pasar nin unha” e responderá “con datos e coa verdade”. “Aprecio ao alcalde, creo que nos últimos anos tivemos unha relación normal, pero non entendo o seu proceder baseado no engano”, aseverou Porro.
Con respecto á actuación do PP na cidade nos últimos anos, nos que o partido pasou de ter un grupo municipal de 13 concelleiros (en 2007) a só 4 edís (nas eleccións de 2019), Corina Porro recoñeceu que houbo “certa desconexión” cos vigueses, aos que “non se soubo” transmitir a veracidade do compromiso que, segundo defende, a Xunta ten coa cidade. “Non calou a mensaxe, algo fallou”, constatou.
“Pero tomáronse medidas, e por iso estou aquí”, engadiu, á vez que respondeu cun rotundo ‘non’ á pregunta de se será candidata á alcaldía en catro anos. “Quero traballar por Vigo desde onde estou”, precisou.