O Concello de Arbo celebrou este pasado domingo un acto de exhaltación da patria española na que participaron representantes dos tres exércitos do estado, así como representantes da Garda Civil, Policía, así como destacados dirixentes do PP da comarca, ademais do alcalde deste concello, Horacio Gil. Un evento que ten lugar en plena crise pola situación que se vive en Cataluña.
Tanto o Ministerio de Defensa, como a BRILAT, participaron activamente deste acto, logo da suspensión dun acto organizado pola Hermandad de Antiguos Caballeros Legionarios, cuxa delegación provincial en Vigo quixo promover as IV Manobras simuladas Millán Astray no municipio pontevedrés de Barro. Un evento que contaba, en principio, co apoio tamén da BRILAT e do Ministerio de Defensa e que provocou unha polémica na Deputación de Pontevedra tras financiar os cartaces.
“DEFENSA DE ESPAÑA”
Precisamente, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, manifestou o seu agradecemento á BRILAT, polo seu compromiso e implicación na organización desta xornada e ao Ministerio de Defensa por prestar a súa conformidade para que este acto se realizara en Arbo. “Fundamental para dar a coñecer á sociedade a importancia e utilidade da cultura de seguridade e defensa, así como para transmitir á cidadanía os profundos valores das Forzas Armadas”, suliñou.
Máis de 170 civís participaron no acto do bico da Bandeira española. “Púxose de manifesto un paso máis na responsabilidade solidaria de todos os xurandos coa Defensa de España e o seu apoio ás Forzas Armadas”, destacou o Concello de Arbo.
A xornada pechouse cunha homenaxe aos caídos, cunha ofrenda dunha coroa de loureiro adornada coas cores da insignia española, que a Subdelegada do Goberno, Ana Ortiz e o alcalde de Arbo, Horacio Gil, depositaron no monólito habilitado para o efecto.