O presidente do Goberno galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, vinculou os “moi malos” resultados electorais do seu partido en Vigo á “ladaíña” de Abel Caballero e o seu goberno local en contra da Xunta, a pesar de que esta é a administración que “máis inviste” na cidade, defendeu.
Tras participar nun acto en Vigo, Feijóo sinalou que “o certo é que a Xunta segue sendo a primeira administración, a que máis inviste”, pero “os cidadáns non o captaron así, pensaron que non estaba a investir, que non interesa Vigo, porque esa foi a permanente ladaíña do Concello”.
O líder do PPdeG lamentou que os ‘populares’ non foron “capaces” de transmitir que ocorre “xustamente o contrario”, e lembrou investimentos como a construción do hospital Álvaro Cunqueiro, os apoios ás industrias do naval e da automoción, o investimento na depuradora ou a construción da nova Cidade da Xustiza. “Esta administración segue sendo útil para o emprego en Vigo, lamentablemente non fomos capaces de comunicalo (…) non tivo rendibilidade electoral”, engadiu.
Núñez Feijóo apuntou que, no entanto, Vigo seguirá sendo unha cidade “prioritaria” para o Goberno galego porque “o merece, independentemente dos resultados electorais”, e o PP vai traballar para que “a xente en Vigo se dea conta da realidade das cousas”.
Así mesmo, puxo en valor que, tras o resultado “decepcionante” do 26 de maio, o partido reaccionou “automaticamente” e nomeou unha xestora, dirixida por Corina Porro, á que corresponde “reconstruír” o partido. “Iníciase unha nova etapa, e quen mellor que a anterior alcaldesa de Vigo (para conducila). Imos ensanchar o partido en Vigo e dar cabida a toda a xente que queira seguir traballando”, proclamou.
AUTONÓMICAS
Nesa liña, o presidente do PPdeG lembrou que o seu partido “sempre” gañou na cidade olívica nas eleccións autonómicas e expresou a súa confianza en que “a xente sabe distinguir” entre eleccións municipais e autonómicas.
De feito, o propio Feijóo, no peche da campaña de municipais, nun mitin en Vigo, apelara a quen o apoiaron na cita autonómica de 2016 para que votar polo proxecto de Elena Muñoz na cidade. Con todo, esa chamada non tivo a resposta desexada, e o PP vigués agravou a súa traxectoria descendente, pasando de sete a catro concelleiros.
O líder dos ‘populares’ galegos manifestou a súa intención de “seguir traballando” na “reconstrución” do PP vigués, para volver repetir a vitoria de 2016 nos comicios autonómicos do ano que vén. “Os malos resultados xa non se poden cambiar, agora imos reconstruír o partido e reaccionar”, sentenciou.
ANÁLISE ELECTORAL
Por outra banda, Núñez Feijóo puxo en valor que, á marxe da notable caída do PP na cidade de Vigo, este partido acreditou o seu “plus de resistencia” en Galicia, obtendo as mellores porcentaxes de voto de todas as Comunidades Autónomas nos últimos comicios.
Segundo incidiu, “moitos foron investidos alcaldes e alcaldesas despois de perder as eleccións”, e hai cidades onde gobernarán PSOE, ‘mareas’ ou BNG “despois de perder”. Así, lembrou que, das 7 grandes cidades, en 3 gañou o PSOE, noutras 3 o PP e nunha o BNG; mentres que, das deputacións, en 3 gañou o PP e noutra o PSOE. “Cuestión distinta é que non se acepten os resultados e gobernen os que perden”, apostilou