InicioPolíticaAna Pastor (PP) reivindica como logros seus os avances en infraestruturas en...

Ana Pastor (PP) reivindica como logros seus os avances en infraestruturas en Vigo

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, di que a candidata 'popular' "non ten credibilidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A candidata do PP pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, reivindicou este venres o balance do seu partido en materia de infraestruturas cando gobernou, e contrapúxoo co dos partidos que se presentan con “fotos” e “propaganda”.

Nun acto celebrado en Vigo, ante a estación do AVE de Urzáiz, Ana Pastor lembrou que esa obra está en marcha grazas ao impulso que ela mesma lle deu desde o Ministerio de Fomento, e puxo en valor outras actuacións, como o investimento no Eixo Atlántico ferroviario, a ampliación e mellora do aeroporto de Peinador, as bonificacións na AP-9 entre Vigo e Pontevedra, a ampliación da ponte de Rande ou a autoestrada do mar.

“Hai partidos que nos presentamos cun balance de xestión e feitos, outros usan a propaganda e basean a súa campaña en meterse cos demais e en dicir o que lles gustaría facer e non fixeron”, sentenciou, e apuntou, a este respecto, que cando chegou ao Ministerio de Fomento, da estación de Urzáiz, só había “unha foto dunha escavadora” e un “buraco”.

TRANSFERENCIA DA AUTOESTRADA

Sobre a transferencia da AP-9, Ana Pastor afirmou que o PP vai seguir “reivindicando” dita transferencia, aínda que “con recursos”, e afeou ao Goberno de Pedro Sánchez que poña obstáculos por problemas xurídicos ou técnicos, cando “acaba de prometer ao PNV, polo seu apoio aos ‘decretazos’ dos venres, que lles vai a transferir a súa autoestrada”.

Así mesmo, prometeu que, se o PP goberna, se implementarán descontos do 25 por cento en todos os tramos desta autoestrada, a maiores das bonificacións que xa existen.

Á marxe dese compromiso, Ana Pastor tamén lembrou que os ‘populares’ levan no seu programa electoral a conversión en viaria urbano da AP-9 desde Torres de Padín ata o centro de Vigo, a nova autovía O Porriño-Vigo, ou a continuación da obra da A-57.

Finalmente, nun contexto máis local, referiuse á reforma da Avenida de Madrid na cidade olívica, e lembrou que o convenio para esa obra asinouno ela mesma, como ministra de Fomento, co alcalde, Abel Caballero. Desde entón, o Concello non avanzou no proxecto da obra, e “hai uns días fanse unha foto os socialistas para anunciar un maior investimento na reforma, sen explicar por que desde 2016 non está acabado o proxecto”, dixo.

RESPOSTA DO PSOE

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, proclamou este venres que as promesas do PP e da súa candidata por Pontevedra, Ana Pastor, en materia de infraestruturas ou sobre a transferencia da AP-9 “non teñen credibilidade” porque os ‘populares’ non avanzaron nesa liña cando gobernaron.

Así o manifestou nun acto de repartición de prograpanga electoral en Vigo, no que afeou aos ‘populares’ que “xogan con Galicia” e toman aos galegos por “parvos”.

Segundo lembrou, o PP gobernou en España con Rajoy durante sete anos, e segue gobernando en Galicia e, durante todo ese tempo, ademais de “deixar de gastar 2.000 millóns de euros orzados” para infraestruturas, non fixo “ningún avance” na transferencia da autoestrada, e mesmo “bloqueou” o seu debate no Congreso.

Todo iso, engadido ao feito de que o programa electoral “ultraconservador” de Pablo Casado expón unha recentralización das competencias, levou a Gonzalo Caballero a tachar de “cínicos” aos candidatos ‘populares’. “Se non o fixeron cando gobernaban, e agora queren recentralizar, non teñen credibilidade”, insistiu.

En contraposición, o secretario xeral dos socialistas galegos proclamou que será o PSOE o que “garanta” o desbloqueo das infraestruturas importantes para Galicia, e lembrou que foi o Goberno de Pedro Sánchez o que permitiu que o debate da transferencia da AP-9 chegase ao Congreso.

AGonzalo Caballero centrouse en apuntar a necesidade de “mecanismos para circular pola AP-9 a un menor custo” e pór fin ás “peaxes tan altas”, que son a “herdanza” que Aznar deixou aos galegos, ao prorrogar a concesión a Audasa ata 2048.

“Se o PSOE ten unha maioría ampla, imos avanzar para que non haxa unha suba continua das peaxes ata 2048, e traballaremos no tema da transferencia se ese é o mellor mecanismo para conseguir que os galegos non teñamos os custos que temos”, aseverou.

Finalmente, pediu non facer “demagoxia barata” coas peaxes, en alusión á promesa do PP de reducir as taxas na AP-9 nun 25 por cento e de impulsar a transferencia da autoestrada, e preguntou a Ana Pastor “por que non o fixo” cando era ministra nun goberno do PP

ÚLTIMAS

Evacuada unha pasaxeira ferida do buque oceanográfico vigués Sarmiento de Gamboa

Unha persoa que navegaba no buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa resultou ferida mentres realizaba...

Vigo reclamará a Audasa máis de 138.000 euros polo IBI da AP-9

O Concello de Vigo reclamará á concesionaria da AP-9, Audasa, o pagamento de 138.345...

O TSXG revisa este luns a condena de 13 anos e medio polo crime de Coia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia celebrará...

Sanidade licita por 284.000 euros reactivos clave para transplantes no Hospital Meixoeiro

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), publicou no...